Xosé Hermida: "Non é mellor un xornalista que cobre a Trump que un que cobre información local, todo o xornalismo é importante"

  • Francisco X. González Sarria, Jorge Suárez, Xosé Hermida e Xulia Díaz Sixto na rolda de prensa da entrega do XIII Premio José Couso
  • Xosé Hermida na entrega do XIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa
  • Ofrenda floral na estatua 'Ás ceibes' no cantón de Molíns

O xornalista Xosé Hermida recolle hoxe en Ferrol o XIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. Hermida reivindicou a comunicación de proximidade lembrando que "todo o xornalismo é importante". 

Xosé Hermida, XIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa, participou esta mañá nunha rolda de prensa posterior á recepción institucional no Concello de Ferrol. O premiado quixo compartir o galardón co conxunto dos xornalistas galegos e especialmente con aqueles que traballan en Ferrol.

A presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto, abriu o acto expresando os seus parabéns a Xosé Hermida polo premio e aproveitou a ocasión para lembrar que "catorce anos despois seguimos esperando a resolución do caso Couso". 

Francisco X. González Sarria, decano do CPXG, felicitou tamén ao premiado, do que destacou que "é o primeiro xornalista galego premiado que desenvolveu a sua carreira en Galicia". Sarria mostrouse convencido de que nesta ocasión "prémiase a sua profesionalidade pero tamén a sua calidade humana".

O galardoado asegurou que non concibe "un premio que poida facer a un sentirse mais honrado que un concedido polos compañeiros". Hermida sumouse á reclamación dunha resposta ao asasinato de José Couso e afirmou que a reforma da Lei de Xustiza Universal "significa unha indefensión, non só para os xornalistas que traballan fóra senón tamén para calquera cidadán que vaia ao estranxeiro". Alén diso, lamentou que "a xente que está a cubrir a información bélica agora mesmo é freelance, polo que nin sequera teñen a cobertura dos grandes medios". 

Ademais, Xosé Hermida tivo un recordo especial para o xornalismo de proximidade. Deste xeito, quixo compartir o Premio José Couso cos xornalistas galegos e especialmente cos da cidade de Ferrol, salientando que "o xornalismo non ten lugar nin dimension, non é mellor un xornalista que cobre a Trump que un que cobre información local, todo o xornalismo é importante".

Pechou o acto o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, quen se sumou ás felicitacións a Hermida polo premio e "por desenvolver dende abaixo, día a día, o seu labor. 

Ofrenda floral e actos no Teatro Jofre

Ás 19:00 horas vai realizarse a tradicional ofrenda floral na estatua ‘Ás Ceibes’ de Manuel Patinha, situada no Cantón de Molíns, onde a xornalista e colexiada Valeria Pereiras lerá o texto 'Militar no xornalismo' en nome da organización. O manifesto realizado para esta ocasión recoñece que "medios e xornalistas non teñen estado á altura do que esixe a sociedade" e fai un chamamento a militar no xornalismo "contra o actual retroceso nas liberdades, incluídas a de prensa e expresión, que supoñen unha grave agresión contra a razón de ser deste oficio".

A partir das 20:00 horas da tarde, o Teatro Jofre acollerá o acto de entrega do galardón, conducido pola xornalista Lorena Bustabad. No acto, vai darse lectura a un texto, redactado polo xornalista Nicolás Vidal, no que se salienta que "non hai profesión máis gratificante e fermosa que o xornalismo, unha das máis humanistas nun tempo no que as máquinas van deixármonos a todos sen traballo, unha das máis éticas cando logra peneirar dos feitos a propaganda ou o exclusivo interese mercantil".

A continuación, Xosé Hermida recibirá o galardón desta XIII Edición do Premio José Couso de mans de Francisco X. González Sarria, decano do Colexio de Xornalistas e Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol. Tras a entrega, ás 20:30, dará comezo o  tradicional Concerto da Liberdade, nesta ocasión a cargo da Banda Municipal de Ferrol, dirixida por Narciso Pillo.

O premiado

Xosé Andrés Vázquez Hermida (Boiro,1963) foi correspondente, subdelegado e finalmente delegado en Galicia de El País. Tras o peche da edición galega en 2015, sigue trabajando para El País en Madrid e, recentemente, é nomeado delegado en Brasil.

Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago, comezou a execer o xornalismo en 1983, como correspondente de El Correo Gallego no Barbanza. Posteriormente incorporouse á redacción en Santiago, onde fixo reportaxes e información política. En 1986 gañou un dos Premios Galicia de Xornalismo no apartado de política. Estivo dous anos na Radio Galega, onde dirixiu o informativo da noite. A partir de 1989, comezou a traballar como correspondente de El País en Galicia, onde estivo ao frente da redacción galega do xornal entre 2008 e 2015. Despois incorporouse á redacción central en Madrid, onde exerceu de reporteiro na revista El País Semanal.

Dende o pasado febreiro é correspondente de El País en Brasil e responsable da edición dixital en portugués do xornal nese país. Cubriu os mellores anos do fútbol galego, época na escribiu o libro ’Arsenio, el fútbol de El Brujo’ e participou nas tertulias deportivas do programa ´La Ventana´, da Cadena SER.  Tamén formou parte da primeira Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con Xosé María García Palmeiro de decano.

Xosé Hermida sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015) e Miguel Ángel Aguilar (2016) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Ferrol, 4 de maio de 2017
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia 

Web do premio José Couso