Xornalismo na Escola “la Caixa” estréase en Meira con obradoiros este xoves no IES Pedregal de Irimia
O IES Pedregal de Irimia de Meira acolle este xoves 11 de abril dous talleres da terceira edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para impartir obradoiros de xornalismo entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia.
A terceira edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, o programa didáctico sobre os medios de comunicación que desenvolven o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa`, chegará este xoves 11 de abril a Meira para mostrar o xornalismo desde outro punto de vista.
O centro acollerá dous obradoiros de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, impartidos pola xornalista Maica García Rodríguez, o primeiro deles das 9.20 ás 11.00 horas e o segundo das 11.00 a 12.15 horas.
O alumnado do IES Pedregal de Irimia terá a oportunidade de participar este xoves nunha actividade que ten por obxecto familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación, para que os escolares coñezan aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións. Será un taller dinámico no que tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.
Xornalismo na Escola “la Caixa”
Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Rosa María Bueno Crego, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Maica García Rodríguez, Emilio Gómez Álvarez, Mónica González Alonso, Olalla Liñares García, Sara Martínez Fernandez e Paula Méndez Casais son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas.
Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os nove xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.
Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 talleres de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade galega.
A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.
CPXG