Xornalismo na Escola “la Caixa" chega a Sada este luns con obradoiros nos IES Isaac Díaz Pardo e O Mosteirón

Xornalismo na Escola “la Caixa", a iniciativa do Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social “la Caixa” para explicar o funcionamento dos medios de comunicación a escolares de secundaria, chega o vindeiro luns 5 de marzo a Sada.

A terceira edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, o programa didáctico sobre os medios de comunicación que desenvolven o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa`, chegará o vindeiro luns 5 de marzo aos Isaac Díaz Pardo e O Mosteirón  para mostrar o xornalismo desde outro punto de vista. 
    
O IES Isaac Díaz Pardo acollerá una sesión dos obradoiros de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa” das 8:45 ás 10:15, mentres que no IES O Mosteirón o taller terá lugar entre as 15:30 ás 17:00. Ambos os dous obradoiros estarán impartidos polo xornalista Pablo Díaz Bouza. Ademais, o mércores 7 haberá aínda un novo obradoiro no IES Isaac Díaz Pardo, das 9:35 ás 11:05 horas.

O alumnado dos dous IES sadenses terá a oportunidade de participar este martes nunha actividade que ten por obxecto familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación, para que os escolares coñezan aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións. Será un taller dinámico no que tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.

Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Rosa María Bueno Crego, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Maica García Rodríguez, Emilio Gómez Álvarez, Mónica González Alonso, Olalla Liñares García, Sara Martínez Fernandez e Paula Méndez Casais son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas.

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os nove xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 talleres de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade galega.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG