Xornalismo na Escola "la Caixa" realiza a semana que vén obradoiros en Oleiros, A Coruña, Bande e Pontevedra

Obradoiro de Xornalismo na Escola celebrado o 25 de febreiro de 2019 no IES Otero Pedrayo de Ourense

'Xornalismo na Escola "la Caixa"', a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, continúa a vindeira semana o seu percorrido por Galicia con sete obradoiros distintos en centros de ensino de Oleiros (luns 1), A Coruña (martes 2 e xoves 4), Bande (mércores 3) e Pontevedra (mércores 3).

O programa didáctico sobre os medios de comunicación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` visita a semana que vén o IES Miraflores de Oleiros, o IES Ramón Otero Pedrayo da Coruña, o IES Aquis Querquenis de Bande e o IES A Xunqueira II de Pontevedra. Así, o programa desta nova semana de obradoiros de xornalismo é o seguinte: 

  • Luns 1 no IES Miraflores de Oleiros, entre as 10:30 e as 12:10. Imparte o obradoiro Davide Fernández García.
  • Martes 2 no IES Ramón Otero Pedrayo da Coruña, entre as 10:25 e as 12:35 horas. Imparte o obradoiro David Fontán Bestilleiro.
  • Mércores 3 no IES Aquis Querquenis de Bande, entre as 10:30 e as 12:00 e entre as 12:30 e as 14:00 horas. Imparte os obradoiros Edgar Melchor Fernández.
  • Mércores 3 no IES A Xunqueira II de Pontevedra, entre as 10:30 e as 12:00 e entre as 12:30 e as 14:00 horas. Imparte os obradoiros Alfonso González Redondo.
  • Xoves 4 no IES Ramón Otero Pedrayo da Coruña, entre as 11:45 e as 13:25 horas. Imparte o obradoiro David Fontán Bestilleiro.

 

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Susana Bastón Carballo, Pablo Díaz Bouza, Davide Fernández García, David Fontán Bestilleiro, Alfonso González Redondo e Edgar Melchor Fernández son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas.

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os seis xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As tres primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016, 2017 e 2018 uns 250 talleres de comunicación nun cento de puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG