Xornalismo na Escola 'la Caixa' chega este martes a Lousame e Padrón
A actividade da quinta edición de Xornalismo na Escola "la Caixa", a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, visita este martes as comarcas de Noia e do Sar, con obradoiros en Lousame (no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro) e Padrón (no IES Macías o Namorado).
Lousame e Padrón reciben a visita este martes 18 de febreiro dos obradoiros da quinta edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, o programa didáctico sobre os medios de comunicación que desenvolven o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` para mostrar o xornalismo desde outro punto de vista.
O CPI Plurilingüe Cernadas de Castro de Lousame acollerá un obradoiro de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, impartido pola xornalista Olaia Tubío Rei, que se desenvolverá entre as 10:00 e as 11:35 horas. Pola súa banda, María Rodiño Pérez impartira un taller no IES Macías o Namorado entre as 12:30 e as 14:00 horas.
Olaia Tubío Rei. graduada en Xornalismo, estuda o mestrado en Xestión Cultural e traballou na Televisión de Galicia e no El Progreso. María Rodiño Pérez ten o mestrado en Formación do Profesorado ademais da licenciatura de Xornalismo, e traballou no Faro de Vigo e no El País. Xunto a eles, Angel Castro Silva, Edith Filgueira Rodríguez, Manuel González Sánchez-Guisande e Xavier López Quiroga son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas.
Os alumnados do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro e do IES Macías o Namorado terán a oportunidade de participar este martes nunha actividade que ten por obxecto familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación, para que os escolares coñezan aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións. Será un taller dinámico no que tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.
Xornalismo na Escola “la Caixa”
Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os seis xornalistas seleccionados tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.
Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. As catro primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito entre o 2016 e o 2019 máis de 360 talleres talleres de comunicación en numerosos puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.
A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.
CPXG