Volta atrás na elección por consenso do presidente da Radiotelevisión Española

O paso da reforma da lei da RTVE polo Senado este mércores significou un paso atrás no consenso para a elección do presidente da Corporación. Se o texto apoiado en xuño contemplaba para unha segunda votación a maioría absoluta pero a condición de que a candidatura fora proposta pola metade grupos parlamentarios, na redacción que sae da Cámara Alta, proposta polo PP, serían necesarios tres quintos, algo que podería acadarse cun acordo entre os dous grupos maioritarios. A lei ten aínda que volver ao Congreso a finais de mes. 

O pasado 22 de xuño, o Congreso dos Deputados aprobaba, co apoio de todos os grupos parlamentarios, que a elección do presidente de Radiotelevisión Española (RTVE) se realizara por consenso. A elección do presidente volvería requerir o apoio de dous terzos do Parlamento e de non conseguirse, nunha segunda votación os candidatos poderían ser designados por maioría absoluta, pero coa condición de que a súa candidatura fora proposta por polo menos a metade dos grupos parlamentarios. A medida significaba unha volta á necesidade do consenso logo de que no 2012 o goberno do PP cambiara o sistema de elección polo da maioría simple. e foi saudada con entusiasmo. Mesmo se pediu aplicala tamén aos presidentes das televisións autonómicas, algo que foi rexeitado polos principais partidos.

Este mércores 13 de setembro, a reforma da elección do presidente da RTVE era sometida a votación polo pleno do Senado. Mais unha enmenda do Grupo Parlamentario Popular, que ten maioría na Cámara Alta, modificou os requisitos para a segunda votación, de maneira que se requeriran tres quintos da cámara, sen ningunha obriga de que a candidatura sexa proposta por máis dun grupo parlamentario. Deste xeito, a elección na segunda votación podería facerse cun acordo entre os dous grupos maioritarios. Desde o Partido Popular asegúrase que a modificación é froito dun acordo co PSOE, mais os socialistas negaron tal acordo e mostraron o seu desacordo coa medida votando absténdose na votación da enmenda, algo que tamén fixeron o PPdeCAT e ERC. En contra votaron Unidos Podemos, Bildu, Ciudadanos e un senador socialista. Contodo, a enmenda saiu adiante cos votos do PP, UPN, PNV e os nacionalistas canarios.

A reforma aínda ten que ser debatida de novo e ratificada no Congreso, onde entrara o vindeiro 21 de setembro. O seu paso pola cámara baixa será a última oportunidade para recuperar o modelo de consenso que todos os partidos apoiaran no mes de xuño.

CPXG