Vigo, Sada, Santiago, Trazo e Lugo acollen a semana que entra os obradoiros de Xornalismo na Escola "la Caixa"

Obradoiro de Xornalismo na Escola celebrado o pasado 19 de febreiro no IES San Rosendo de Mondoñedo

A semana que entra, 'Xornalismo na Escola "la Caixa"', a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para achegar os medios de comunicación aos máis novos, percorre Galicia de sur a norte con obradoiros en Vigo (luns 5), Sada (luns 5 e mércores 7), Santiago de Compostela (mércores 7), Trazo (xoves 8) e Lugo (venres 9).

O programa didáctico sobre os medios de comunicación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` enceta marzo achegando o mundo do xornalismo ao IES da Guía de Vigo, os IES Isaac Díaz Pardo e O Mosteirón de Sada, o IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela, o CPI Viaño Pequeno de Trazo e o IES Muralla Romana de Lugo. Así, o programa desta semana intensa de obradoiros de xornalismo é o seguinte: 

  • Luns 5 no IES da Guía de Vigo, das 10:00 ás 11:30 e das 12:00 ás 13:30. Imparte os obradoiros Mónica González Alonso.
  • Luns 5 no IES Isaac Díaz Pardo de Sada, das 8:45 ás 10:15. Imparte o obradoiro Pablo Díaz Bouza.
  • Luns 5 no IES O Mosteirón de Sada, das 15:30 ás 17:00. Imparte o obradoiro Pablo Díaz Bouza.
  • Mércores 7 no IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela, das 8:45 ás 10:25. Imparte o obradoiro Rosa María Bueno Crego. 
  • Mércores 7 no IES Isaac Díaz Pardo de Sada, das 9:35 ás 11:05. Imparte o obradoiro Pablo Díaz Bouza.
  • Xoves 8 no CPI Viaño Pequeno de Trazo, das 10:50 ás 12:20. Imparte o obradoiro Rosa María Bueno Crego.
  • Venres 9 no IES Muralla Romana de Lugo, das 12:40 ás 14:20. Imparte o obradoiro Maica García Rodríguez. 

 

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Rosa María Bueno Crego, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Maica García Rodríguez, Emilio Gómez Álvarez, Mónica González Alonso, Olalla Liñares García, Sara Martínez Fernandez e Paula Méndez Casais son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas. 

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os nove xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 talleres de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade galega.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG