Vicepresidencia felicita a TVG polo regreso de 'Superpiñeiro'

A Vicepresidencia da Xunta saudou onte o regreso do presentador Xosé Manuel Piñeiro a Televisión de Galicia para conducir un programa destinado ós maiores, que permitirá que ese público "teña o protagonismo que merece".
O departamento que dirixe Anxo Quintana anuncia que Piñeiro compartirá o espazo televisivo coa presentación dos actos para as persoas maiores nos que participa o vicepresidente.

Nun comunicado firmado por Antonio Losada, secretario xeral de Relacións Institucionais de Vicepresidencia, este organismo "sauda a iniciativa de TVG de dedicar un programa cada tarde de luns a venres ós nosos maiores", o que supón que "por fin a xente maior deste país ten o protagonismo que merece". Losada felicita por esta iniciativa ó director da televisión autonómica, Suso Iglesias, "quen foi capaz de combinar unha programación nova na canle autonómica cunha atención a todos os tramos de idade".

Vicepresidencia tamén revela que Piñeiro repetirá este ano como mestre de cerimonias nos actos para maiores que protagoniza Anxo Quintana, despois de "ter testado nos encontros celebrados o ano pasado que a xente maior deste país o quere". Losada agrega no comunicado: "Nós estamos aquí precisamente para darlle á xente maior o que demanda". Segundo o departamento da Xunta, Superpiñeiro, como era coñecido a raíz do programa Supermartes, de TVG, foi contratado para o primeiro encontro, celebrado en Carballiño en xuño pasado, "por ser un personaxe popular e de fama na provincia". A continuación volveuse a contar con el no resto de festas do programa "por aclamación dos 35.000 participantes na localidade ourensá".

O comunicado do departamento de Anxo Quintana replica unha reportaxe publicada onte por este periódico sobre o regreso de Xosé Manuel Piñeiro a Televisión de Galicia. A información, na que se recollían as opinións de Piñeiro, do director de TVG, da deputada do PP Marta Rodríguez e dunha portavoz de Vicepresidencia, relataba a vinculación do popular presentador con TVG durante o mandato de Manuel Fraga, no que se mantivo á fronte de distintos programas de forma continuada durante 14 anos.

O que faltaba

A portavoz de Quintana non aclarou cando foi consultada por El País a eventual continuidade de Piñeiro na súa xira con Quintana, que agora confirma no seu comunicado. Na reportaxe, Piñeiro rexeitaba categoricamente que se lle identifique coa etapa do PP en TVG e sobre a nova programación tras o cambio na Xunta, afirmaba: "¿Cambio? ¡Pero que cambio, se o único que faltaba era eu!", declarou, en referencia á continuidade de Gayoso, Os Tonechos ou os actores das series. O director de TVG declinou onte facer máis comentarios sobre o asunto.

O comunicado de Losada arremete con dureza contra o ton do artigo, ó que acusa de empregar "estereotipos denigrantes" contra os maiores galegos, e nega que Vicepresidencia da Xunta pague a comida ós asistentes a estas festas. O secretario xeral "condena enerxicamente o trato denigrante que este diario de Madrid dá dos nosos maiores, reproducindo os estereotipos máis rancios, casposos e reaccionarios que se visen en moito tempo e lembrando lamentablemente a aqueles señoritos de Madrid que en tempos viñan a Galicia a rirse dos nosos avós".

Para Losada, o artigo xornalístico "ridiculiza" ós avós galegos porque, segundo el, os presenta como "cidadáns de segunda sen criterio e formación dispostos a vender o seu voto por un anaco de empanada". Segundo a nota, o alto cargo da Xunta "lémbralle a este periódico de Madrid que os maiores deste país son moi sabios e saben perfectamente adónde van e que votan".

O comunicado tamén atribúe a El País as críticas vertidas na reportaxe polo PP, ó negar "radicalmente as acusacións que fai este periódico e o PP respecto da 'dilapidación de fondos públicos escandaloso'", en referencia a unha frase da deputada popular Marta Rodríguez. Ó seu xuízo, o custo das xornadas é "ridículo" en comparación coa "satisfacción dos participantes".

284.000 euros para as festas dos maiores

As catro festas para os maiores que protagonizou Anxo Quintana e presentou Xosé Manuel Piñeiro tiveron un custo no 2006 de 284.000 euros, segundo informou onte a Vicepresidencia da Xunta. Eses fondos permitiron ó número dous do Goberno galego e líder do BNG reunirse con 61.000 persoas, na súa maioría maiores, que eran os protagonistas dos eventos. En 2007, a Xunta duplicará o número de actos, para realizar dous por provincia.

Vicepresidencia desmentiu con firmeza que pague a comida dos asistentes ás festas, aínda que en maio pasado, un mes antes da festa de Carballiño, emitiu un comunicado oficial no que aseguraba que "boa parte" do orzamento "vai dirixida a que o encontro resulte menos gravoso" para os asistentes, "xa que en anteriores citas tiñan que facerse cargo do pagamento da comida". Fontes do departamento recoñeceron onte que se estudou esa posibilidade, pero que foi descartada.

Vicepresidencia da Xunta si admite que a Xunta se fai cargo do desprazamento dos asistentes desde os centros da terceira idade.

SANTIAGO DE COMPOSTELA
EL PAÍS