Unha lei francesa pretende castigar os que difundan vídeos violentos sen ser xornalistas

O consello constitucional francés deulle o visto e prace á xa coñecida como Lei Sarkozy contra a delincuencia. Entre outras medidas restritivas, o texto prohibe que a xente que non sexa xornalista profesional difunda vídeos violentos na rede, cunha pena de até cinco anos de cadea.
Diversas organizacións, como a liga pola defensa das liberdades Odebi, tacharon o texto de antidemocrático e advertiron de que pode poñer en perigo as liberdades de expresión e de información e o xornalismo cidadán. A decisión do consello constitucional fíxose xusto dezaseis anos despois de que o videoafeccionado George Holliday gravase e difundise o vídeo en que catro policías de Los Ángeles agredían a Rodney King.

O que nun principio era unha medida pensada para penar o happy slapping, vídeos de violencia gravados para a diversión dos atacantes, podería supoñer que en casos como o feito público por George Holliday fose o autor da gravación o que rematase na cadea.

A lei tamén propón que o goberno cree un sistema de certificación de fiabilidade informativa para páxinas web, fornecedores de servizo de internet, operadores de telefonía e empresas de hospedaxe de blogs. Reporteiros sen fronteiras alertou de que este sistema podería provocar un aumento da autocensura dos medios que non queiran perder a certificación gobernamental.

FWWWRANDO