Santi Riveiro, Manuel Barral e Ana Fuentes, ganadores do I Premio Cegasal de Xornalismo

O xurado do Premio Cegasal á Mellor Información Xornalística sobre Economía Social decidiu outorgar o premio dotado con 1.000 euros ao xornalista de El Correo Galego Santi Riveiro. Manuel Barral, de La Opinión de A Coruña, e Ana Fuentes, de Atlántico Diario, foron os outros dous profesionais galardonados, no seu caso con premios de 500 euros cada un.

Aínda que en principio só se ía a conceder un único premio, desde Cegasal, dada a calidade de todos os traballos presentados, decidiuse ampliar o número de distincións, pasando dunha a tres, unha de 1.000 euros e outras dúas de 500 euros cada unha. Para os membros do xurado, os traballos xornalísticos que optaron aos galardóns acertaron plenamente co obxectivo do certame: dar visibilidade aos centros especiais de emprego, que permiten a incorporación á vida laboral das persoas con discapacidade.

Neste sentido, os traballos premiados fórono pola súa capacidade de ir alén da noticia, afondar no significado destes centros e a súa capacidade xeradora de emprego. 

Xa na presentación do Premio, o presidente da Asociación, José Antonio Vázquez Freire, explicou que o labor xornalístico "é clave para dar a coñecer á opinión pública a realidade dun colectivo con graves problemas á hora de enfrontarse ao mercado laboral". Así, sinalou que o 74% das persoas con discapacidade en idade laboral non ten traballo" e, o que é máis preocupante, a maioría non o busca porque considera que non o vai a poder atopar ante o reparo que xera nas empresas a súa contratación polo daniño descoñecemento social das súas capacidades".

Vázquez Freire insistiu na importancia da colaboración dos medios para dar a coñecer á sociedade "o traballo que se realiza desde Cegasal, unha asociación sen ánimo de lucro, e o esforzo das persoas con algunha discapacidade para evitar paternalismos e gozar dunha vida plena, na que a formación e o traballo sexan dous alicerces fundamentais".

O xurado do Premio Cegasal de Xornalismo á Mellor Información sobre Economía Social estivo composto por profesionais con experiencia contrastada nos medios de comunicación galegos, así como representantes de Cegasal e do propio Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, organismo que colaborou na convocatoria do Premio.

A entrega dos galardones terá lugar o próximo mes de maio nun acto que se celebrará en Santiago de Compostela e que incluirá a inauguración dunha mostra fotográfica con imaxes que mostran o día a día dos centros especiais de emprego.

Unha asociación empresarial sen ánimo de lucro

Cegasal é a asociación empresarial galega de carácter multisectorial de iniciativa social que integra iniciativas empresariais que comparten os principios orientadores da economía social. A entidade integra na actualidade un total de 18 iniciativas empresariais que abarcan máis de 14 sectores produtivos como artes gráficas, alimentación, recollida de residuos, xardinería ou atención sociosanitaria, entre outros. 

Os centros de Cegasal, que en 2015 facturaron no seu conxunto 25 millóns de euros e dan traballo a máis de 1.250 persoas, apostan por facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidad. 

CPXG