RNE cumpre 70 anos

Salamanca, 19 de xaneiro de 1937. RNE comeza as súas emisións. 70 anos despois, a cadea pública lembra na súa programación algúns dos momentos máis destacados da súa traxectoria coa presenza das súas voces históricas.
Os magacíns 'Las Mañanas' e 'El Navegador', de Radio 1, dedican este venres boa parte da súa escaleta a lembrar esta data tan sinalada. Pero, sen dúbida, o gran atractivo desta programación de aniversario chega da man de 'Documentos RNE' -os sábados de 15:00 a 16:00 horas-, que preparou unha serie de catro programas especiais nos que se repasará a traxectoria da radio pública desde as súas orixes ata a actualidade. A Radio foi desde case o seu nacemento un dos medios máis ligados á existencia cotiá das familias españolas e a raíz do estalo da Guerra Civil Española converteuse nun potente medio de comunicación de masas. Agora repasar a súa historia serve para rememorar sete décadas da historia social, política, cultural, deportiva e cotiá do noso país.

Ó longo destes programas 'Documentos RNE', irá trazando este retrato da sociedade. A miniserie está integrada polos programas 'Nacemento de RNE e postguerra', que se emitirá este sábado; 'RNE: os anos 60, os do desenvolvemento', o 27 de xaneiro; 'Para a liberdade', o 3 de febreiro, e 'Tempos difíciles: a refundación', o 10 de febreiro.

O primeiro especial céntrase nas primeiras décadas de vida de Radio Nacional, desde o seu nacemento en plena contenda civil ata o final dos anos 50 e o principio dos 60.

O nacemento foi en Salamanca. Tras seis meses de esforzo bélico e de ter fracasado no asalto a Madrid, o cuartel xeral do Exército franquista dase conta de que necesita algún instrumento capaz de chegar a todos os fogares para propagar a súa visión da nova España. Ese instrumento será Radio Nacional, que nestes primeiros anos se pon ó servizo da propaganda dos golpistas.

A radio dos anos 40 caracterizábase polo protagonismo do locutor, voces de ben timbradas, de dicción perfecta das que se eliminaran os particularismos locais. Na 'España única' só se falaba como nas cidades castelás. É a época de Fernando Fernández de Córdoba, David Cubedo, Ignacio Mateo, Juan Martín Navas ou Matías Prats.

As emisións destes están cheas de retransmisións patrióticas e militares, conmemoracións da vitoria bélica e actos relixiosos. A Semana Santa e o Corpus Cristie marcan as festividades máis solemnes e o vivir daquela España.

No panorama radiofónico predomina o 'Diario Hablado', de Radio Nacional, única emisora autorizada para difundir información. Xunto a el xorden outros programas como 'España agrícola', 'Plasmon', un dos pioneiros en programas radiofónicos de carácter médico, 'Fiesta', ou 'Marcador', ambos os dous dirixidos por Carlos Alcaraz.

O auxe do radio-teatro

O radio-teatro é un dos elementos clave da programación en RNE desde os seus inicios. Contou coa colaboración de Luis Escobar, quen se encargou por orde de Dionisio Ridruejo de pór en marcha un grupo de teatro de orientación falanxista, que pretendía ser unha réplica de 'La Barraca' de García Lorca. Instalada a emisora xa en Madrid, o cadro de actores de RNE foi un dos seus máis importantes logros. A nómina de directores teatrais e de actores que pasaron por el é inabarcable.

Naquel reducido grupo de falanxistas, figuraban nomes como os de Antonio Tovar, que foi director de RNE en 1938; Dionisio Ridruejo, Rafael Duyos, Pedro Lain Entralgo ou Agustín de Foxá.

Esta vocación para o mundo cultural concrétase en 1952 coa creación do 'Tercer Programa', que, en clave moi minoritaria, foi vehículo da gran cultura, nunha sociedade empobrecida, censurada e pouco dada ás especulacións ou ó libre intercambio de pensamentos e ideas. Neste 'Tercer Programa', dada a súa escasa difusión, permitíase a colaboración de personaxes non identificados co Réxime franquista, como Vicente Aleixandre, Dámaso Alonso, Menéndez Pidal, entre outros. Esta experiencia foi atemperada pouco despois do seu nacemento e continuou por camiños máis convencionais.

Entre os intelectuais que traballaron de forma regular nesta casa, é un orgullo poder citar ó novelista Gonzalo Torrente Ballester, ós poetas José Hierro e Gastón Baquero, entre outros moitos.

Popularidade e concursos

Radio Nacional loitou tamén no terreo da popularidade e creou concursos radiofónicos nos anos 60 e 70, como 'España en la Memoria', de Enrique Domínguez Millán. Este redactor sería tamén pioneiro en pór en antena un programa sobre os grandes misterios que nos rodean: 'Enigmas'.

Pero onde a radio pública conseguiu grandes éxitos foi en xéneros tan populares como o deportivo e o taurino. Matías Prats pasou á historia radiofónica por ter marcado, xunto ó futbolista Zarra, o gol da vitoria da selección española ante o combinado inglés en 1950. 'Clarín', o espazo taurino por antonomasia de RNE, dirixido e presentado por Rafael Campos de España, foi outro clásico da programación na radio publica.

Novas voces e novas propostas nos 60

Os anos sesenta trouxeron novos aires. No ámbito creativo hai que destacar a Leocadio Machado, autor de espazos dramáticos de carácter experimental de gran eco. Pero a gran aposta dos anos 60 serán os espazos informativos, coa creación de 'España a las ocho', e a presenza de Vitoriano Fernández Ase, unha das grandes presenzas informativas da radio pública.

Nos anos 70 esta importancia informativa intensifícase, e aparecen novos condutores de programas como Eduardo Sotillos ou Lalo Azcona. Radio Nacional de España está preparada para a transición política que se aveciña e para a competencia informativa que se desenvolverá a partir do 75 coas emisoras privadas.

Os anos 80, radiofonicamente falando, están baixo o liderado de RNE que en 1981 conta con seis millóns de oíntes segundo datos do EGM.

Os grandes comunicadores destes anos, Luis del Olmo, Alejo García, Jesús Quintero, Andrés Aberasturi, son profesionais, formados e desenvolvidos nesta casa.

O 23 de febreiro de 1981, a radio española adquire a súa maioría de idade. Os graves sucesos ocorridos no Parlamento español son seguidos por todos os españois a través das diferentes emisoras de radio. Nese momento a radio, que é máis popular que nunca, non se limita só a informar ás clases máis populares senón que entra en todos os ámbitos e despachos da vida española. A partir deste momento queda tamén lexitimada como medio de comunicación entre intelectuais e políticos, cuxa presenza en antena é desde entón moi frecuente.

MADRID
EL MUNDO