PuntoGal segue a recibir apoios de cara á conferencia do ICANN en Lisboa

O 26 de marzo comeza en Lisboa a 28ª conferencia internacional pública da ICANN, o organismo internacional sen ánimo de lucro que se encarga de conceder os nomes e números dos enderezos da internet.
Na xuntanza de Portugal, o ICANN terá sobre a mesa as peticións de novos dominios, e ha decidir cando e como convocará os novos nomes. De cara a ese evento, a asociación PuntoGal segue a recabar o apoio dos internautas a prol da concesión do dominio que distinga a lingua e a cultura galegas. No momento de redactar esta información, eran xa 2.761 as sinaturas recollidas, a meirande parte delas de persoas particulares, aínda que tamén se sumaron á iniciativa asociacións, institucións e empresas, e non só de Galiza.

O principal precedente para a concesión do dominio .gal foi o .cat, que designa as páxinas en lingua catalá e que está a ter un enorme éxito. O sufixo catalán abriu a porta a que outras linguas e culturas sen Estado aspiren a contar con enderezos propios. É o caso da Bretaña, que arela ter o .bzh, e Gales, que opta ao .cym. En ambos os dous casos, as súas campañas de recolleita de sinaturas comezaron antes ca no noso país. Os bretóns, quen ven un agravio comparativo cos territorios franceses de ultramar (Guadalupe, Guaiana Francesa, Reunión e Martinica) que xa contan con dominios de dúas letras, xa xuntaron preto de 13.000 apoios. Os galeses pasan dos 5.500. Tamén cidades como Berlín (.berlin) e Nova York (.nyc) esperan recibir cadanseu dominio.

SANTIAGO DE COMPOSTELA
VIEIROS