Penalizan a Univisión coa maior multa imposta ata o momento pola Comisión Federal de Comunicacións

O consorcio de comunicación líder entre os medios hispanos de EEUU, pagará 24 millóns de dólares por cualificar de educativa unha telenovela Unha vez liquidada a multa, a cadea terá o camiño despexado para ser adquirida por un grupo de investidores por 12.300 millóns de dólares, tras aprobar a venda en setembro do 2006
Univisión, o consorcio de comunicación líder entre os medios hispanos de EEUU, pagará 24 millóns de dólares de penalización, a maior multa imposta ata o momento pola Comisión Federal de Comunicacións (FCC), por cualificar de educativa unha telenovela. A FCC ten autoridade para impor multas de ata 325.000 dólares por cada infracción das normas sobre a decencia nos medios de comunicación estadounidenses.

Nunha entrevista ó periódico estadounidense The New York Times, o presidente da comisión Kevin J. Martin, dixo que a multa se debe ó cualificativo de educativo de telenovelas como Cómplices ó rescate no que dúas xemelgas de once anos intercambian as súas identidades tras se decatar que foron separadas ó nacer.

A multa foi adoptada tras un acordo coa cadea que incluiría, segundo o diario, un aumento de programación infantil.

O acordo con Univisión permitirá tamén resolver o incumprimento das regras de programación nun total de 24 estacións de televisión da cadea, entre o 2004 e o 2006.

Obriga en EEUU

En EEUU é obrigatorio que as cadeas emitan polo menos tres horas semanais de programas educativos para nenos. "Creo que os consumidores están mellor servidos con menos regulación, pero tamén creo que a comisión ten que xogar un papel clave nalgunhas áreas como é o caso da programación para nenos", dixo Martin.

Ata agora a maior multa imposta pola FCC fora a de nove millóns de dólares imposta contra a empresa de telecomunicacións "Qwest Communications International", por non informar dunha serie de acordos empresariais que mantivo con algúns dos seus competidores no ano 2004.

A multa contra Univisión xa foi aprobada, aínda que aínda debe pasar o visto e prace do pleno da FCC, e unha vez liquidada permitirá á cadea ter o camiño despexado para ser adquirida por un grupo privado de investidores por 12.300 millóns de dólares.

A venda de Univisión foi aprobada e acordada polos seus accionistas en setembro do 2006. O grupo de investidores está liderado polo magnate dos medios de comunicación Haim Saban e formado por "Madison Dearborn Partners", "Providence Equity Partners", "Texas Pacific Group", "Thomas H. Le Partners" e "Saban Capital Group".

WASHINGTON
ESTRELLA DIGITAL/ EFE