Ourense, Gondomar e Negreira acollen os obradoiros de Xornalismo na Escola "la Caixa" a vindeira semana

Obradoiro de 'Xornalismo na Escola' o pasado 12 de abril no IES Pedregal de Irimia de Meira

A vindeira semana 'Xornalismo na Escola "la Caixa"', a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ chega aos institutos de Ourense (luns 7), Gondomar (luns 7) e Negreira (martes 8).

O programa didáctico sobre os medios de comunicación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` visita esta semana que vén o IES Ferro Couselo de Ourense, o IES Auga da Laxe de Gondomar e o IES Xulián Magariños de Negreira. Así, o programa desta nova semana de obradoiros de xornalismo é o seguinte: 

  • Luns 7 no IES Ferro Couselo de Ourense, das 16:00 ás 17:40. Imparte o obradoiro Xosé Lois Carrión González.
  • Luns 7 no IES Auga da Laxe de Gondomar, das 17:00 ás 18:40. Imparte o obradoiro Emilio Gómez Álvarez.
  • Martes 8 no IES Xulián Magariños de Negreira, das 16:30 ás 18:00.  Imparte o obradoiro Olalla Liñares García.

 

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Rosa María Bueno Crego, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Maica García Rodríguez, Emilio Gómez Álvarez, Mónica González Alonso, Olalla Liñares García, Sara Martínez Fernandez e Paula Méndez Casais son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas. 

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os nove xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 talleres de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade galega.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG