Os técnicos da Delegación da Galega en Lugo pasarán ó cadro de persoal da CRTVG

O Xulgado do Social número 1 de Lugo declarou lexítimo o dereito dos técnicos da delegación da Galega nesta cidade a seren considerados persoal laboral indefinido da sociedade anónima Televisión de Galicia.
Os beneficiarios desta decisión xudicial son os seis cámaras e mais tres dos catro montadores da delegación luguesa -a cuarta montadora, sinxelamente, optou por irse-. Actualmente, os nove técnicos están contratados por unha produtora de televisión, Produtora El Progreso, filial do xornal lucense, pero a Xustiza tivo en conta que "existe unha cesión ilegal de man de obra por parte desta empresa en beneficio da TVG". Nalgún dos casos, esta ilegalidade remontábase ata vinte anos atrás.

De feito, nos dous xuízos que se celebraron no devandito xulgado demostrouse que a única relación que manteñen os traballadores coa produtora é meramente contractual, xa que tódalas "ordes e instrucións de servizo son as que reciben dende Santiago cada día, transmitíndose a través do delegado da TVG". É máis, a sentenza dá conta de que "nos festivos e mais na fin de semana, a relación se establece de xeito directo entre os demandantes e os responsables de produción de Santiago, sen que interveña persoal ningún da produtora". Ademais de recoñece-las condicións sociais, o fallo contempla o pagamento ós montadores e ós reporteiros gráficos dunha indemnización conxunta superior ós oitenta mil euros, que as empresas demandadas deberán abonar de forma solidaria.

17 traballadores

Xunto cos técnicos, outros tres traballadores da delegación da RTVG en Lugo -dous redactores da televisión e unha redactora da Radio Galega- viron tamén recoñecido o seu dereito a ser persoal laboral indefinido da radiotelevisión autonómica. Á súa vez, as empresas denunciadas deberán pagarlles ós tres xornalistas demandantes outros oitenta e cinco mil euros en concepto de indemnización económica. Así, só na capital luguesa a cantidade que se lles adebeda ós traballadores cedidos de xeito irregular ascende ós 160 mil euros. Outros catro redactores da delegación luguesa -tres da TVG e mais outra xornalista da radio- tamén denunciaron esta situación ilegal e están á espera da celebración dos seus respectivos xuízos, mentres que un quinto redactor da televisión pública galega está a agarda-lo fallo xudicial.

LUGO
TRABALLADORES DA CRTVG EN LUGO