Os medios de comunicación terán prazas reservadas nos procesos xudiciais en audiencia pública
O Consello Xeral do Poder Xudicial e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia actualizan os seus protocolos de acceso para compatibilizar a asistencia dos medios de comunicación ás salas de vistas coas medidas de seguranza previstas pola emerxencia sanitaria.
O Consello Xeral do Poder Xudicial e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia veñen de realizar senllos acordos sobre o acceso dos medios de comunicación as salas de vistas en relación ás medidas de prevención adoptadas pola actual crise sanitaria da Covid-19. Estes acordos buscan garantir a publicidade das actuacións xudiciais mediante a asistencia dos medios de comunicación ás salas de vistas.
En concreto, nas salas de vistas nas que se celebre un acto procesal en audiencia pública, vaise estabelecer unha reserva expresa de prazas destinadas aos medios de comunicación, que será do 50% do aforo máximo de público cando este sexa igual ou inferior a dez persoas, puidendo reducirse a porcentaxe para aforos máis altos. No caso de que a demanda sexa maior que as prazas reservadas, a Oficina de Comunicación asignará estas "seguindo criterios de servizo público e audiencia".
Nos actos nos que se permita a toma de imaxes por parte dos medios, esta realizarase en réxime de ‘pool’, garantindo o acceso de polo menos un fotógrafo ou fotógrafa e unha cámara de televisión, puidendo estabelecerse unha quenda rotatoria entre os distintos medios no caso de ser necesaria. Ademais, no caso de existir unha sala habilitada para a prensa, os medios asistirán preferentemente aos actos procesais desde esta, garantindo sempre a distancia interpersoal.
Por último, as e os xornalistas están obrigados a acudir á sede xudicial provistos dos medios de protección persoal necesarios (máscara, luvas, etc.). No caso de non os utilizaren, denegaráselles o acceso.
CPXG