Os dirixentes do G7 apoian a Iniciativa sobre Información e Democracia de Reporteiros sen Fronteiras

A Iniciativa sobre Información e Democracia, impulsada por Reporteiros sen Fronteiras e numerosos socios, recibiu esta semana o apoio unánime dos mandatarios do G7.  A proposta está a recadar adhesións na procura dun pacto intergobernamental sobre comunicación e información na vindeira Asemblea Xeral da ONU, que se celebrará en setembro.

O presidente francés, Emmanuel Macron, presentou este luns 26 de agosto aos seus homólogos a Iniciativa sobre Información e Democracia, impulsada por Reporteiros sen Fronteiras xunto a numerosos socios, na cimeira do G7 en Biarritz. Os mandatarios do G7 acordaron "dar un apoio unánime" á iniciativa, asegurou Macron na roda de prensa posterior á xuntanza.   

A iniciativa ten o seu xermolo na Comisión sobre Información e Democracia, reunida por primeira vez en París o 11 de setembro do ano pasado e integrada por 25 personalidades de 18 países, baixo a presidencia do director xeral de Reporteiros sen Fronteiras Christophe Deloire e da Premio Nobel da Paz Shirin Ebadi. O pasado 5 de novembro, a Comisión emitiu a declaración internacional O espazo global da comunicación e a información: un ben común da Humanidade, que servirá de base para a adopción dun pacto intergobernamental previsto para a vindeira Asemblea Xeral da ONU, que se celebrará en setembro. 

A Iniciativa sobre Información e Democracia xa recibiu no momento da súa presentación no Foro da Paz de París o apoio de doce xefes de Estado e de goberno (os de Burkina Faso, Canadá, Costa Rica, Dinamarca, Francia, Letonia, O Líbano, Lituania, Noruega, Senegal, Suíza e Tunes), ademais do secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, a directora xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, e o secretario xeral do Consello de Europa, Thorbjørn Jagland. Deste xeito, a proposta chega á Asemblea Xeral das Nacións Unidas co compromiso dunha vintena de países de lanzar un proceso político baseado nos principios defendidos pola Comisión sobre Información e Democracia.

CPXG