Os Colexios de Xornalistas estudarán accións fronte aos ataques a profesionais e vetos a medios de comunicación

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas de España convocou unha reunión plenaria, na que participarán os nove Colexios que a integran, para abordar as posíbeis medidas a emprender desde a profesión en defensa dos xornalistas ante os crecentes ataques que veñen soportando, aos que se sumaron os vetos que formacións políticas como Vox realizaron a determinados medios de comunicación na cobertura informativa das pasadas eleccións xerais.

Os Colexios consideran que é preciso arbitrar unha resposta contundente e chamarán á unidade de acción de xornalistas, medios de comunicación, universidades e outras organizacións profesionais, posto que o que está en xogo é o dereito fundamental de información da ciudadanía. Reclamarán, ademais, a atención das formacións políticas con representación parlamentaria para impulsar na presente lexislatura a promulgación das leis necesarias para mellorar a protección dos xornalistas no exercicio das súas funcións.

A reunión terá lugar o próximo sábado en Madrid. Asistirán representantes das Xuntas de Goberno dos Colexios de Xornalistas de Cataluña, Galicia, Murcia, Andalucía, País Vasco, Castela e León, A Rioxa, Asturias e Navarra.

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

A Rede de Colexios  Profesionais de Xornalistas constituíse o 14 de xuño de 2018 e está formada polos nove colexios profesionais de xornalistas que actualmente existen en España (Andalucía, Asturias, Castela e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e o País Vasco).

REDE DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS