Os Colexios de Xornalistas apostan pola unidade de acción para defender a función do Xornalismo e urxen a Lei de Creación do Consello Xeral

Os Colexios Profesionais de Xornalistas de Galicia, Murcia, Andalucía, Castela e León, A Rioxa, País Vasco, Asturias e Navarra, manifestan no Día Mundial da Liberdade de Prensa a importancia da unidade de acción para defender a función do Xornalismo como garante da Democracia e avanzar cara á súa regulación como aval dunha información independente, veraz e rigorosa. Estes Colexios, xunto ao de Cataluña, agrupan e representan a máis de 7.000 profesionais en España.

Os Colexios sumámonos, a través deste escrito, ao lema da Unesco  'Mentes críticas para tempos críticos: O papel dos medios para o avance de sociedades máis pacíficas, xustas e inclusivas', en defensa dos medios e profesionais fronte aos ataques á súa independencia e como homenaxe aos xornalistas que perderon as súas vidas no desempeño do seu labor. É necesario reivindicar sistemas legais xustos que permitan un exercicio da liberdade de prensa con plenas garantías para os xornalistas; unha prensa libre e responsábel que sexa capaz de facilitar o diálogo e xerar unha actitude máis solidaria e tolerante nun mundo globalizado e interconectado. 

Os profesionais da información, pertencentes aos Colexios de Xornalistas, tomamos posición en contra da denominada 'Lei Mordaza' xa que contamos con medidas de autorregulación, a través das nosas normas e códigos deontolóxicos, así como pola propia lexislación vixente que fai absolutamente innecesaria esa Lei. 

A colexiación afianza a defensa da liberdade de información por un dobre motivo: aceptar unha normativa deontolóxica e reunir requisitos de acceso, regulados por Lei, baseados na titulación. Ofrece, así, a posibilidade de afrontar os retos dunha profesión que necesita establecer certas normas para o seu exercicio de forma que estas se convertan en garantía de protección y calidade tanto para os xornalistas como para a sociedade no seu conxunto.

Como acontece en moitas outras profesións que contan con órganos colexiais, a colexiación non é obrigatoria para os xornalistas pero si é recomendábel, fundamental, xa que supón un valor engadido para unha profesión que está intimamente ligada ao artigo 20.1 da Constitución Española sobre os dereitos á liberdade de información e de expresión, e desenvólvese en contacto directo coas necesidades, reivindicacións e inquedanzas da sociedade civil, actuando como interlocutora entre a cidadanía e os poderes públicos e privados.

Constituír o Consello Xeral de Colexios de Xornalistas e dispor do Estatuto do Xornalista son dous dos principais retos que afrontan os órganos colexiais como entidades de dereito público para dotar os profesionais de instrumentos que permitan protexer a independencia, mellorar as condicións laborais e frear o intrusismo.

Como institucións de natureza pública, creadas a partir do impulso dos profesionais do xornalismo e da decisión unánime dos representantes políticos dos cidadáns en cada parlamento autonómico, os Colexios Profesionais de Xornalistas piden ao Goberno central e aos grupos parlamentarios no Congreso dos Deputados que axilicen a tramitación da Lei de Creación do Consello Xeral de Colexios de Xornalistas.

Os Colexios de Xornalistas teñen entre as súas funcións a representación da profesión ante os poderes públicos e requiren da figura do Consello Xeral para poderen cumprir coas competencias que teñen atribuídas. 

Mentres todo isto se produce, os Colexios subscribiron o 'Compromiso Público polo Emprego e a Profesión Xornalística' que defende a creación de postos de traballo específicos nas administracións públicas e a profesionalización de postos en gabinetes de prensa, ao requirirse para o seu acceso a titulación en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual (Ciencias da Información), como garantía de independencia e calidade.

Neste propósito, o Compromiso está a  facerse chegar a concellos, deputacións, delegacións do Goberno, universidades, gobernos e parlamentos autonómicos entre outras entidades públicas, co obxectivo de concienciar e comprometer a Administración sobre a importancia de contar con xornalistas cualificados. 

Tendo presentes os retos e os obxectivos, acentuamos o noso compromiso co bo xornalismo, o xornalismo honesto, rigoroso, veraz e profesional para conmemorar unidos o Día Mundial da Liberdade de Prensa.

Subscriben este manifesto os seguintes Colexios Profesionais de Xornalistas de España:

  • Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
  • Colegio Oficial de Periodistas de la Región de Murcia  
  • Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía
  • Colegio Vasco de Periodistas/Euskal Kazetarien Elkargoa
  • Colegio Profesional de Periodistas de Castilla y León
  • Colegio de Periodistas de La Rioja
  • Colegio Profesional de Periodistas de Asturias
  • Colegio Navarro de Periodistas/Nafarroako Kazetarien Elkargoa