Os centros especiais de empleo de Cegasal premiarán os seus mellores divulgadores

Centro Emprego Social da Coruña (Foto: Cegasal)

Coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade, Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro) convocou onte a terceira edición dos seus Premios á Mellor Información sobre Economía Social, na que colabora o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, sempre centrada nos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que conforman a asociación.

O obxectivo deste dobre galardón, un para xornais, dixitais e revistas, e outro para radio e televisión -dotados con 1.500 euros cada un-, é o de dar maior visibilidade ás persoas con discapacidade en idade laboral. As dificultades que encontran á hora de optaren ao mercado laboral e o traballo que realizan neste sentido os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro deben formar parte do contido dos traballos presentados ao concurso.
 
O papel dos medios de comunicación neste labor de divulgación é fundamental e moi necesario dado que o 74% das persoas con discapacidade en idade laboral non ten traballo e, o que é máis grave, moitos non o buscan porque consideran que non o van poder atopar. É responsabilidade de todos acabar co reparo que xera nas empresas a contratación destas persoas, polo daniño descoñecemento social das súas capacidades.  Neste sentido, o presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez, asegura que a colaboración dos xornalistas para dar a coñecer esta realidade á sociedade é fundamental.
 
Desde os centros especiais de emprego apostan porque a discapacidade, "ou as capacidades diferentes", non sexan un impedimento para o pleno desenvolvemento destas persoas tamén no ámbito laboral.
 
Información sobre los premios 
 
As bases do Premio Cegasal á mellor información sobre economía social, certame no que colabora desde a súa primeira edición o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, poden consultarse desde hoxe martes, 4 de diciembre, nas webs do Colexio Profesional de Xornalistas e da Asociación Cegasal. 
 
Poden optar aos premios os traballos publicados e/ou emitidos desde o peche da anterior edición, o 30 de abril de 2018, até o día 15 de marzo de 2019. O prazo de recepción dos mesmos pecharase o vindeiro 15 de marzo de 2019 e o gañador será anunciado na primeira quincena de abril. 
 
O xurado estará composto por profesionais con experiencia contrastada nos medios de comunicación galegos, así como representantes de Cegasal e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
 
Os traballos deberán enviarse, vía mail, ao seguinte enderezo: cegasalcomunicacion@gmail.com, e a información presentada deberá ir acompañada dun breve currículum do autor.
 
Coincidindo coa concesión dos Premios Xornalísticos, a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro tamén fará entrega dos galardóns á Administración (local e autonómica) e empresa máis colaboradoras coa economía social.
 
Traballos premiados en anteriores edicións 
 
Santiago Riveiro, de El Correo Gallego; Manuel Barral, de La Opinión de A Coruña, e Ana Fuentes, de Atlántico Diario, foron os profesionais galardoados na primeira edición do Premio Cegasal de Periodismo. Pola súa banda, e unha vez ampliados os premios e diferenciados por categorías, Jéssica Pintor e Rubén Milego, de Informativos Fin de Semana da TVG,  e Sabela Corbelle, de El Progreso de Lugo, foron os gañadores da última edición do galardón instituído por Cegasal.
 
CPXG