O Tribunal Supremo recoñece o dereito a gravar partidos para os resumos televisivos

O Tribunal Supremo confirmou esta semana a multa á Liga de Fútbol Profesional por impedir ás cámaras de Mediaset gravar imaxes para os resumos informativos desde o terreo de xogo. A sentenza recolle o dereito á cobertura informativa desde o campo e representa un novo episodio das polémicas polo acceso dos medios aos estadios de fútbol.  

A Sala terceira do Tribunal Supremo vén de confirmar esta semana a multa de 250.001 euros imposta pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia á Liga de Fútbol Profesional, logo de que esta impedira ás cámaras de Mediaset o acceso aos campos de fútbol en varios partidos de primeira e segunda división, en febreiro e marzo de 2017. As cámaras tentaban acceder ao terreo de xogo para gravar imaxes para o ‘breve resumo informativo’ previsto no artigo 19.3 da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual.

A sentenza do Supremo desestima o recurso da Liga, que afirmaba que Mediaset puido acceder á zona de prensa e zona mixta dos estadios, e interpreta o artigo 19.3 no sentido de que "implica a posibilidade de gravar contidos audiovisuais del partido de fútbol desde a zona autorizada". Neste sentido, estabelece que "sen prexuízo doutras áreas, a zona autorizada debe permitir a cobertura do terreo de xogo" para a emisión do resumo informativo.

Desde hai case 10 anos, o acceso dos medios de comunicación aos partidos de fútbol vén xerando un amplo debate, con episodios polémicos como a imposición dun canon ás radios ou os requisitos para recibir acreditacións. Recentemente, con motivo da crise sanitaria, a Liga impuxo novas restricións para a cobertura informativa, entre as que só se contemplaba a cobertura gráfica en réxime de pool, o que provocou as críticas dos informadores gráficos e a protesta do Colexio de Xornalistas

CPXG