O Tribunal Supremo prohibe publicar imaxes das redes sociais sen consentimento
O Tribunal Supremo vén de estabelecer nunha sentenza que a publicación nos medios de comunicación de imaxes das redes sociais esixe consentimento expreso, posto que do contrario se trataría dunha intromisión ilexítima no dereito á propia imaxe.
A Sala primeia do Civil do Tribunal Supremo condenou ao xornal La Opinión de Zamora a pagar unha indemnización de 15.000 euros a un home do que publicou unha fotografía obtida da súa conta de Facebook, ao considerar este feito como unha intromisión ilexítima no dereito á propia imaxe. Do mesmo xeito, condénase ao xornal a non volver publicar a foto en ningún soporte e a retirala dos seus arquivos.
O fallo, do que foi ponente o maxistrado Rafael Sarazá, estabelece que publicar unha fotografía nunha rede social accesíbel ao público en xeral autoriza "que eses terceiros podan ter acceso ao contido desa conta e interactuar co titular, pero non que poda publicarse a imaxe do titular da conta nun medio de comunicación". Considera así que non se pode entender que unha publicación en aberto conleve o consentimento expreso previsto no artículo 2.2 da Lei Orgánica 1/1982 de protección do dereito ao honor e á propia imaxe. Esta lei, lembra o Supremo, non require "un consentimiento formal (por exemplo, dado por escrito)", pero "si esixe que se trate dun consentimento inequívoco".
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia acolle con interese esta sentenza pola utilidade que pode ter á hora de fixar os límites legais da utilización de fotografías das redes sociais e evitar abusos que, sen dúbida, se están a producir nos medios co recurso a este tipo de imaxes. Con todo, é consciente tamén das implicacións que pode ter unha interpretación inflexíbel do dereito á propia imaxe, polo que estudará polo miúdo o contido e as consecuencias deste fallo.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia