O Parlamento Europeo reclama a liberación do xornalista Alan Johnston

O Parlamento Europeo (PE) aprobou unha resolución na que pide a liberación de Alan Johnston, o xornalista da cadea pública británica BBC secuestrado o pasado 12 de marzo en Gaza.
O PE reclama no texto que o informador sexa liberado 'san e salvo de forma inmediata e incondicional' e insta á Autoridade Nacional Palestina e ás legacións diplomáticas europeas na zona a redobrar os seus esforzos con esa fin.

'Hai que alertar ós secuestradores de que, se acalan a voz de Johnston, todo o que conseguirán é illar aínda máis ó pobo palestino', afirmou, no debate previo á votación do texto, a eurodeputada liberal británica Elizabeth Lynne.

Johnston, de orixe escocés, incorporouse ó servizo mundial de noticias da BBC en 1991 e foi o correspondente da cadea en Gaza nos últimos tres anos.

Unha organización palestina chamada 'As Brigadas da Yihad e o Monoteismo' asegurou o pasado día 15 nun comunicado que dera morte ó xornalista.

Porén, o presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abás, afirmou a semana pasada que Johnston está vivo e que prosiguen os esforzos para conseguir a súa liberación.

A resolución da Eurocámara urxe, ademais, ás autoridades palestinas a 'asegurar que os xornalistas radicados en Gaza poidan realizar o seu traballo libres de acoso e da ameaza de secuestros' e a velar por que os responsables das agresions contra os profesionais da información sexan xulgados.

TERRA
ESTRASBURGO