O Goberno británico investigará ó grupo de Murdoch pola compra da canle ITV

O regulador británico das telecomunicacións, Ofcom, investigará a compra o pasado novembro do 17,9% da canle de televisión ITV por parte do grupo de comunicación do magnate Rupert Murdoch.
Segundo publica 'Financial Times' (FT), o Goberno británico pediu a Ofcom que comprobe se a compra de ITV por parte de British Sky Broadcasting (BSkyB) "aumenta as preocupacións do interese público polo número de diferentes propietarios das empresas de medios de comunicación".

A investigación incluirá a todos os medios de comunicación británicos do grupo News International, incluídos o diario sensacionalista 'The Sun' e a canle Sky News, segundo o FT.

O diario económico engade que se trata dunha decisión política "sensible" para o ministro de Economía, Gordon Brown, xa que, segundo o FT, podería enfrontalo á influencia do imperio mediático de Murdoch, propietaria de 'The Times', na carreira á sucesión do primeiro ministro británico, Tony Blair. Brown é visto como o sucesor natural de Blair, quen xa indicou que deixará este ano o poder.

O presidente do grupo Virgin, Richard Branson, pediu en novembro a Ofcom que investigase esta compra, que tivo un custo de 940 millóns de libras (uns 1.390 millóns de euros) e que moitos viron como un intento de frustrar unha opa sobre esa mesma emisora de NTL, da que Virgin é accionista principal.

Richard Branson cualificou a acción de "intento descarado de distorsionar a competencia" e recibiu positivamente a noticia da investigación, que debería concluír antes do final de abril.

A finais dese mesmo mes, a Oficina de Competencia do Reino Unido publicará a súa inspección da compra do 17,9% de ITV por parte de BSkyB, segundo o rotativo.

As queixas do grupo
Pola súa parte, o xefe de Finanzas da plataforma do grupo de Murdoch, Jeremy Darroch, afirmou que é "moi negativo para o clima de inversións deste negocio" e queixouse de que a resolución de investigar á empresa vai en contra das directrices gobernamentais.

Outro portavoz do grupo dixo que era "inconcibible" pensar que Sky podería influenciar na estratexia ou na política de ITV.

Fai dúas semanas, NTL lanzou ó mercado a súa nova marca, Virgin Media, que fará a competencia a Sky e ofrecerá televisión, internet e telefonía fixa e móbil.

Aínda así, esta plataforma inclúe, de momento, varias canles propiedade de BSkyB, como Sky One ou Sky News, pero a recente suba nas tarifas do grupo de Murdoch polas súas canles non permitiu que ambas as dúas plataformas acaben de chegar a un acordo, cuxa data límite é este mércores, segundo a BBC.

Virgin rompeu as negociacións co grupo de Murdoch a semana pasada e acusou a BSkyB de arrogancia e de practicar o "bullying" (intimidar ou acosar).

A plataforma de Rupert Murdoch advertiu de que os seus beneficios operativos poderían verse afectados ata en 20 millóns de libras (uns 30 millóns de euros) se non chega a un acordo con Virgin Media, que tería que quitar dos seus paquetes as canles de Sky.

LONDRES
EL MUNDO.ES/ EFE