O CPXG e o Colexio de Psicoloxía crearán unha comisión conxunta para tratar temas de interese común

Sede do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (Foto: Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia)

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia crearán un grupo de traballo conxunto para intercambiar información e reflexións sobre temas como o tratamento mediático de temas sensíbeis. Faise un chamamento ás colexiadas e aos colexiados interesados en formar parte deste grupo de traballo a comunicalo a través do mail xornalistas@xornalistas.gal.  

Membros da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia mantiveron un encontro a pasada semana con representantes do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para achegaren posturas sobre temas de interese común e contemplar posíbeis vías de colaboración. Na xuntanza destacouse a necesidade de facer un estudo conxunto sobre as boas prácticas informativas en varios temas delicados de índole social, como emerxencias, menores, suicido, violencia machista, diversidade sexual e violencia sexual, saúde mental...Nalgún destes temas o CPXG xa ten traballado con anterioridade.

Para isto, vaise crear un grupo de traballo formado por 4 ou 5 profesionais da psicoloxía e un número similar de xornalistas que intercambie información e tire conclusións de utilidade para ambos os dous eidos profesionais: o da psicoloxía e do xornalismo. O Colexio de Xornalistas fai un chamamento a aqueles colexiados e colexiadas interesadas en participar neste grupo de traballo a mostraren a súa disponibilidade no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal. Do mesmo xeito, pódese usar este enderezo de email para facer chegar propostas e suxestións sobre temas de interese conxunto para a psicoloxía e o xornalismo.

Na reunión tamén se comentou a necesidade de incluír unha breve avaliación de riscos psocosociais no próximo estudo sobre a profesión, dado o deterioro das condicións de traballo das e dos Xornalistas pola crecente precarización do sector.

CPXG