O consumo de prensa diaria e radio segue a descender no Estudo Xeral de Medios

A segunda vaga do 2018 do  Estudo Xeral de Medios recolle un descenso do consumo dos xornais en papel e da radio, mentres que aumenta o número de internautas e de espectadores de televisión a través de internet. La Voz de Galicia é o xornal xeralista máis lido en Galicia e a Cadena Ser a emisora radiofónica máis escoitada. 

Este mércores déronse a coñecer os resultados da segunda vaga do 2018 do Estudo Xeral de Medios da Asociación para la Investigación de Medios de Comunicación (AIMC). Os datos desta vaga recollen un descenso do consumo tanto dos xornais en papel, que perden 310.000 lectores con respecto a abril deste ano, como da radio, onde se produce un descenso xeralizado de ouvintes. A televisión continúa a ser o medio con maior penetración, pero o seu consumo está a cambiar, duplicándose o acceso a través doutros dispositivos. O uso de Internet, pola súa banda, continúa a crecer e xa está cerca de desbancar a publicidade exterior como o segundo medio con máis impacto. 

O xornal máis lido no estado volve ser o Marca, cun total de 1.973.000 lectores diarios, mentres que entre a prensa xeneralista diaria destaca El País, con 1.069.000 lectores. Entre as revistas semanais, o ranking é encabezado por Pronto, con 2,65 millóns de lectores, e no das mensuais por National Geographic, con 1,57. A Cadena Ser, con 4.089.000 ouvintes diarios, entre as xeneralistas, e Los 40, con 2.810.000, entre as temáticas, son as radios máis escoitadas. No caso das televisións, destaca Antena 3, cun 16,9% do share, pero cómpre destacar que o EGM non mide as audiencias das canles de Mediaset, que decidiu non aparecer nos estudos da AIMC por considerar os seus métodos "obsoletos". Entre os sitios de Internet analizados pola AIMC, por outra banda, YouTube é o máis visitado con 24,3 millóns de usuarios diarios. 

No caso de Galicia, o diario máis lido volve ser La Voz de Galicia, con 527.000 lectores diarios, seguido do Faro de Vigo, con 233.000, El Progreso, con 84.000 e La Región, con 79.000. La Voz de Galicia aparece ademais como o cuarto máis lido entre os xeneralistas de todo o estado, tras El PaísEl Mundo La Vanguardia. A emisora radiofónica xeneralista máis escoitada na nosa comunidade é a Cadena Ser, que suma 662.000 ouvintes diarios, seguida da Cope e a Radio Galega

CPXG