O Congreso pide que se fomenten contidos adecuados en televisión

A Comisión de Traballo e Asuntos Sociais aprobou onte por unanimidade unha proposición non de lei pola que se insta ó Goberno a fomentar unha programación adecuada nas televisións e contribúa a eliminar das grellas, segundo as horas de emisión, os contidos que sexan inadecuados para a infancia.
A iniciativa, acordada entre os distintos grupos, pretende dar un "toque de atención" ás televisións e advertirlles de que "o Parlamento e a sociedade segue vixilante" sobre o contido das súas grellas, tal e como indicou o deputado socialista José Andrés Torres Mora.

De feito, o texto transaccionado reclama ó Executivo que actualice e mellore os decálogos e guías de boas prácticas, dirixidas a familias, educadores e sociedade en xeral. Torres Mora lembrou a existencia do código de autorregulación adoptado en 2004 por Antena 3, Telecinco, Canal Plus e TVE, así como do decálogo de boas prácticas impulsado por esta última Corporación. Pola súa parte, na súa exposición de motivos, a deputada do PP Amelia Caracuel advertiu de que "os medios privados deixáronse guiar máis por criterios económicos e empresariais, sen ter en conta o papel educativo de calquera medio audiovisual", ademais de se producir unha diminución do número de espazos adecuados para mozos e nenos.

Así mesmo, o PP asegura que "non só hai menos programación adecuada" ás necesidades e gustos de mozos e nenos, senón que a existente "ás veces ten un contido dubidoso".

MADRID
EL CORREO GALLEGO / E.P.