O Congreso inicia un debate sobre a lei de contidos en televisión para os menores

A comisión de Traballo e Asuntos Sociais debaterá hoxe unha proposta do PP que reclama ó Goberno que impulse un código deontolóxico cos medios de comunicación que "garanta unha programación de calidade e adecuada" para os menores.
Así mesmo, o grupo popular demanda que o Executivo "fomente unha programación adecuada" e "contribúa a eliminar das grellas de programación, segundo as horas de emisión, todo espazo cuxo contido sexa inadecuado".

Así consta na citada iniciativa, que pide tamén ó Goberno "actuacións para a formación dos educadores" e "orientar ós pais sobre a importancia de facer un bo uso do tempo de lecer, que inclúa a televisión como opción, non como única saída". Segundo explica o PP na exposición de motivos, ademais dun cambio na estrutura social, que inclúe a incorporación da muller ó traballo fóra da casa, "asistimos, nos últimos anos, a un empobrecemento xeral da programación audiovisual" respecto ós menores.

"A pesar do esforzo do goberno anterior por facer da televisión pública un espazo adecuado para todos, os medios privados deixáronse guiar máis por criterios económicos e empresariais, sen ter en conta o papel educativo de calquera medio audiovisual", lamenta o grupo nesta iniciativa, cuxo debate comeza hoxe.

MADRID
EL IDEAL GALLEGO/ AXENCIAS