O Colexio de Xornalistas volve reclamar aos principais partidos que resolvan os problemas do xornalismo en Galicia

Foto: Davidpar (CC BY-SA 4.0)

Con motivo das próximas eleccións autonómicas do 12 de xullo, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia volveu trasladar por carta aos candidatos e candidatas á presidencia de Galicia das principais forzas políticas as súas preocupacións sobre a profesión xornalística e algunhas medidas para garantir o dereito á información, solicitándolles un compromiso público con elas. 

Na misiva trátanse as principais cuestións que seguen a marcar o xornalismo en Galicia, como a aprobación do Estatuto do Xornalista Profesional e a Lei de Garantías do Dereito á Información da Cidadanía, o modelo de medios públicos, a xestión da información electoral, as axudas aos medios e a publicidade institucional, os dereitos das mulleres ou a creación do Consello da Comunicación de Galicia. 

Este é o texto completo da carta remitida aos candidatos e candidatas:

 

Estimado/a candidato/a,

A razón deste escrito é expresarlle as nosas preocupacións sobre a situación da profesión xornalística e facerlle chegar algunhas propostas de políticas públicas neste eido. Lamentablemente, moitas das reclamacións que incluímos na presente carta xa foron realizadas noutras citas electorais, sen que se teña producido ningunha mellora da situación. É por iso que nesta ocasión gustaríanos pedirlle un compromiso público coa defensa destas medidas necesarias para a profesión xornalística.  

Como sabe, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) é unha entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo). Son funcións do Colexio afondar na mellora das condicións nas que se desenvolve o noso traballo; a defensa profesional dos seus membros; garantir a independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega; defender, de acordo co artigo 20.1 da Constitución Española, o dereito á liberdade de información e de expresión garantidas a todos os cidadáns; salvagardar a sociedade de informacións que tendan a deformar voluntariamente a realidade dos feitos e poñer especial acento na defensa do segredo profesional e na aplicación da cláusula de conciencia, como tamén recolle a Constitución, entre outros.

Por este motivo, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere reclamar da súa candidatura, e do resto das concorrentes ás Eleccións Autonómicas de 2020, un pronunciamento público a favor das seguintes premisas para garantir o dereito da cidadanía a recibir información veraz, e o dos/as xornalistas a desenvolver o seu traballo, tendo en conta que o dereito á información é un dos dereitos fundamentais de toda a cidadanía:

1. Estatuto do Xornalista Profesional e Lei de Garantías do Dereito á Información da Cidadanía. Logo de tantos anos, a súa aprobación continúa a ser unha das materias pendentes. É preciso que dende Galicia se impulse a súa definitiva aprobación, posto que só así se poderá garantir que realicemos o noso traballo con liberdade e independencia.

2. Medios Públicos Galegos. O CPXG leva, practicamente desde a súa constitución, loitando por un novo modelo de medios públicos que garanta a súa independencia e pluralidade. O Colexio participou no proceso de elaboración da Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia pero, cando se vai cumprir case unha década da súa aprobación, aínda non se levaron a cabo algunhas das súas disposicións máis importantes. Entre elas, o establecemento dun estatuto profesional e dun consello de informativos, a elección do/a director/a xeral da CRTVG por maioría parlamentaria reforzada ou a posta en marcha dunha autoridade audiovisual independente. O cumprimento íntegro da Lei é imprescindible para avanzar na profesionalización e desgobernamentalización dos medios públicos e garantir o acceso da cidadanía a unha información veraz, plural e independente.  

3. Bloques electorais. Unha vez máis, o CPXG quere lembrar aos partidos concorrentes ás eleccións que a información electoral nos medios audiovisuais, públicos ou privados, debería facerse segundo criterios profesionais e non estar sometida aos mesmos criterios mecánicos de reparto da propaganda electoral que determina a Xunta Electoral.  Quen debe velar polo carácter democrático e plural da información teñen que ser organismos independentes de defensa do dereito á información, como son os Consellos Superiores do Audiovisual.
Tampouco pode estar restrinxido o acceso libre de cámaras e periodistas aos actos públicos, coa escusa de que a organización facilita xa as imaxes ou o contido das intervencións. Ambas as dúas prácticas impiden que os e as xornalistas poidan exercer a súa profesión, pasando de seren mediadores a simples reprodutores. 

4.- Lei de Publicidade Institucional e axudas ós medios. O CPXG elaborou xa no 2006 unha proposta para as axudas aos medios (http://xornalistas.gal/novas-eventos/novas/proposta-do-colexio-de-xornalistas-para-obxectivar-a-concesion-de-axudas-aos-medios/) que daquela entregou a todos os grupos parlamentarios. Realizouse coa perspectiva de contribuír ao fortalecemento do noso sistema de comunicación, que terá na calidade, no pluralismo e na diversidade de modelos o seu verdadeiro norte. Aquela proposta, sen prexuízo de que poida ser actualizada, continúa vixente a día de hoxe para reformar un sistema de axudas que segue a ser claramente deficiente e non ten a transparencia que debería. Cómpre lembrar neste punto a ausencia dunha Lei de Publicidade Institucional que leva sendo compromiso electoral incumprido dende hai unha década e para o que sería imprescindible o consenso. Igualmente demandamos un criterio transparente para a concesión de axudas polo uso do galego, ao que xa faciamos unha primeira referencia na nosa proposta do 2006. 

5. Medidas para erradicar o machismo dos medios. En relación co punto anterior, cómpre engadir a necesidade de que as axudas aos medios estean supeditadas ao cumprimento dos principios éticos esixibles no respecto aos dereitos das mulleres. Coidamos que establecer uns baremos é tarefa dos lexisladores, previo debate e consulta profesional, e entendemos que precedentes como a Directiva 2014/24/UE e a Directiva 2014/23/UE do Parlamento Europeo, así como a Orde PCI/566/2019, de 21 de maio que traspón estas directivas, que habilitan legalmente ás administracións para introducir criterios sociais na contratación e na concesión de axudas públicas, son un exemplo de que non existen obxeccións xurídicas para quen ten vontade de resolver un problema.

6. Consello da Comunicación de Galicia. O Código Deontolóxico do Xornalismo Galego, elaborado polo CPXG e aprobado por unanimidade en Asemblea Xeral en 2008, sinalaba a necesidade da creación dun Consello da Comunicación de Galicia, organismo arbitral, representativo, plural e independente dos poderes públicos que defenda a sociedade dos intentos de limitar o dereito dos cidadáns á liberdade de expresión e de información, mediante actos ou opinións dirixidos a restrinxir ou influír lesivamente na libre actividade dos medios de comunicación e de quen traballan neles. A día de hoxe, a súa creación continúa a ser básica para garantir os dereitos de toda a cidadanía. 

Agradecendo de antemán a súa atención, reciba un cordial saúdo.

 

CPXG

O decano do CPXG reúnese coa candidata de Cs, Beatriz Pino, para presentarlle as reclamacións do xornalismo galego

Xuntanza do Colexio de Xornalistas co candidato da Marea Galeguista, Pancho Casal

O Colexio de Xornalistas de Galicia reúnese co PSdeG para trasladarlle as preocupacións do xornalismo galego

O decano do CPXG reúnese cunha representación dos partidos asinantes do manifesto 'A cidadanía ten dereito a coñecer'