O Colexio de Xornalistas solidarízase cos traballadores de La Capital
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) solidarízase cos traballadores de La Capital, que teñen anunciado medidas de protesta polas súas precarias condicións laborais e pola redución dos cadros de persoal. A última medida da empresa foi o despedimento de dúas xornalistas de Diario de Ferrol. Ademais deste xornal, La Capital tamén edita El Ideal Gallego, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños e DXT Campeón.
As redaccións, a capacidade dos seus profesionais, o ambiente de traballo que se respira nelas e o resultado desa combinación é o que determina a calidade dun medio de comunicación. Soamente cun esforzo ímprobo, insostible no tempo, se pode realizar un labor digno en condicións de inestabilidade profesional e laboral.
O CPXG chama a atención sobre o feito de que cada vez son menos xornalistas os que elaboran cada día estes xornais. A situación é exemplo do que ten acontecido noutros medios sen que practicamente ninguén eleve a voz por estes feitos.
A reducción das redaccións afecta gravemente á calidade das informacións que elaboran os xornalistas, cada vez en maior cantidade e sen tempo de abondo para poder facer o esixible traballo de contraste de fontes, verificación de datos ou confirmación de feitos.
A supresión de postos de traballo nas redaccións prexudica, polo tanto, o dereito dos cidadáns a recibiren unha información veraz e plural.
Por iso, o Colexio de Xornalistas insta a empresa a reconsiderar os despedimentos, a facer os esforzos necesarios para pagar as cantidades que adebedan os seus traballadores a adoptar medidas que permitan a viabilidade das cabeceiras sen máis despedimentos e con condicións dignas para o conxunto dos seus traballadores.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)