O Colexio de Xornalistas solidarízase co persoal da RTVE na súa defensa duns medios públicos plurais, independentes e con igualdade de xénero

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere manifestar o seu apoio ao persoal do Centro Territorial da Radiotelevisión Española en Galicia, e por extensión ao do resto do estado, nas protestas que están a realizar para que se poña en marcha a lei para a renovación da cúpula da corporación pública. 

A Lei 5/2017, aprobada en setembro do ano pasado e apoiada de maneira conxunta por toda a oposición, permitiría elixir por concurso público o novo Consello de Administración, asegurando así a súa independencia e profesionalidade, ademais de garantir a paridade de xénero na súa composición. Porén, o Partido Popular ten bloqueada na mesa do Congreso a lei, con medidas para adiar a súa posta en marcha e que poderían impedir a súa entrada en vigor.

Este bloqueo dunha medida que só pode ser beneficiosa para a corporación pública dáse, ademais, nun momento no que a independencia da Radiotelevisión Española está posta en cuestión. O Consello de Informativos ten elevado numerosas queixas por mala praxe profesional, reclamacións que teñen chegado até o Parlamento Europeo. Aínda que a meirande parte das denuncias se refiran á dirección central, cómpre lembrar que esta situación tamén afecta, en maior ou menor medida, ao Centro Territorial de Galicia. 

A independencia, a imparcialidade, a profesionalidade e a igualdade de xénero son elementos básicos para unha información libre e plural, que non poden faltar nunca nuns medios públicos. A lei aprobada en setembro avanza na garantía destes principios, e así o entenden as traballadoras e traballadores, apoiando masivamente iniciativas como os "venres negros", creados polo Consello de Informativos e revitalizados por #MujeresRTVE. O CPXG, pois, non pode senón mostrar a súa solidariedade cos profesionais da RTVE e reclamar a posta en marcha das medidas previstas pola lei. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia