O Colexio de Xornalistas pon en marcha a campaña #VisibleseReais, coa que reclama aumentar a presenza das mulleres no espazo mediático

Insta a profesionais e responsables das empresas xornalísticas a aparcar dunha vez por todas os estereotipos de xénero e a reflectir unha imaxe real e equilibrada das mulleres en informacións, programas e, tamén, nos espazos de debate ou de entretemento.

Cara á semana do 8 de marzo, e coa etiqueta #VisibleseReais, a entidade de dereito público que vela polos dereitos e deberes dos profesionais da información pretende difundir datos que amosan a situación de desequilibrio e desigualdade de xénero que persiste aínda nos produtos informativos. A presenza da muller é insuficiente e segue, en demasiados casos, ligada a clixés sexistas. Son cifras de organismos internacionais e de organizacións profesionais que constatan a persistencia de eivas e fendas de xénero nos medios,e sobre as que o CPXG quere suscitar unha reflexión.  
 
Esta campaña informativa compleméntase coas reflexións de varias teóricas da comunicación e diversas especialistas en xénero que explican a relación entre este tipo de nesgos mediáticos e a pervivencia, na sociedade, do imaxinario patriarcal no que agroma a violencia machista.
 
A campaña comezou esta mañá nas redes sociais e quere constituir tamén unha invitación á cidadanía, para que baixo a etiqueta #VisibleseReais colaboren coa #IgualdadeDePrensa das mulleres, expoñendo as súas propias opinións e observacións ao respecto diso, así como informacións que merecen visibilidade ou, ao contrario, deben ser obxecto de crítica.
 
A campaña prolongarase ata o 8 de marzo, con novas accións por parte do CPXG das que iremos dando cumprida conta.
 
CPXG