O Colexio de Xornalistas lembra no Día Mundial da Radio a necesidade da pluralidade para unha sociedade libre e democrática

O Día Mundial da Radio celébrase este xoves 13 de febreiro salientando a radio como medio de comunicación único para celebrar a diversidade humana e como plataforma para que todas as voces se expresen libremente, se sintan representadas e poidan ser escuchadas. Con este motivo, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar que un ecosistema informativo plural e diverso é un requisito indispensábel para a constitución dunha sociedade democrática. 

Como destaca a mensaxe oficial da Unesco neste día, "a radio é un medio potente e de baixo custo, adecuado sobre todo para chegar ás comunidades máis remotas e ás vulnerábeis"  e "as emisoras de radio teñen que servir a comunidades diversas, ofrecer unha amplia variedad de programas, puntos de vista e contido, e teñen que reflectir a diversidade de audiencias nas súas organizacións e operacións".

Esta pluralidade de voces e puntos de vista, mais aló dunha simple característica do medio radiofónico, ten que converterse nun punto esencial de todo o panorama informativo. A diversidade e o pluralismo é unha condición sine qua non da liberdade de información e de prensa, e nese sentido, as administracións e a sociedade en xeral deben esforzarse para lograr o maior número de opinións posíbeis nos medios de comunicación. Neste sentido, e volvendo a cinxirnos ao radiofónico, cómpre lembrar que hai frecuencias concedidas en moitos concellos que non están a emitir e que por tanto están a faltar á súa obriga de servizo público. Esas frecuencias poderían servir para abrir aínda máis o espectro temático ou ideolóxico da radio, un dos espazos máis plurais e influentes de todo o ecosistema mediático galego e cuxa supervivencia resulta esencial para a nosa sociedade.

O Día Mundial da Radio foi establecido pola Conferencia Xeral de la Unesco en 2011, a proposta da Delegación Permanente de España. A data escollida, o 13 de febreiro, conmemora o día na que se creou a Radio das Nacións Unidas no 1946. Os obxectivos desta celebración son concienciar acerca da importancia da radio, alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio e mellorar a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión. En todo o mundo, realizanse actividades conmemorativas e programacións radiofónicas especiais. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia