O Colexio de Xornalistas lembra a necesidade de respectar o dereito á intimidade e ao anonimato

Fronte a algunhas malas prácticas constatadas nos últimos días, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar a necesidade de respectar en todo caso a intimidade das persoas implicadas en feitos noticiosos e o seu dereito a se manter no anonimato e non fornecer información. 

O propio Código Deontolóxico do Xornalismo Galego recolle no seu sexto punto a necesidade de "recoñecer ás persoas individuais e/ou xurídicas o seu dereito a non proporcionar informacións nin responder preguntas, sen prexuízo do deber dos/as xornalistas de atender o dereito da cidadanía á información".

O acoso á cidadanía para encher de información os medios de comunicación é unha práctica que non é compatíbel en ningún caso cun xornalismo profesional e responsábel, e menos aínda cando se trata de sucesos que poden provocar dor e secuelas. Este tipo de presións deben, pois, ser eliminadas do exercicio da profesión. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia