O Colexio de Xornalistas lamenta os últimos despedimentos en Telelugo

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta os dous novos despedimentos producidos en Telelugo, propiedade do Grupo El Progreso. A canle de televisión queda agora en funcionamento con unicamente dous traballadores. 

O pasado venres 31 de marzo, Telelugo cesou nos seus postos de traballo a un xornalista e un cámara de televisión, alegando motivos económicos. Ambos os dous traballadores levaban sete anos traballando na canle e representaban o 50% do cadro de persoal, dado que a empresa xa sufrira no pasado unha redución de persoal. Por todo isto, a emisora continúa en emisión con apenas dúas persoas traballando para o seu funcionamento. 

Telelugo leva funcionando como televisión de proximidade desde o ano 1994 e actualmente ten licenza para emitir na Televisión Dixital Terrestre nas demarcacións de Lugo, Monforte, Vilalba e Viveiro, ademais de poder sintonizarse en toda Galicia a través da operadora R. Ademais de que a precaria situación na que fica agora deteriora claramente a pluralidade e a calidade da información da cidade e a provincia de Lugo, cómpre lembrar que o espazo radioeléctrico é de dominio público, polo que a concesión de frecuencias podería asociarse ao compromiso do mantemento do emprego. 

Alén diso, medios de comunicación de proximidade como Telelugo resultan esenciais para a cobertura da información e a creación de emprego en zonas que, como o interior de Galicia, son menos atendidas por outros modelos mediáticos. A perda de postos de traballo non só é unha mala noticia para o persoal e o público destes medios, senón que ademais afonda no desequilibrio territorial de Galicia, tanto a un nivel informativo como económico e humano. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo)

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia