O CPXG insta os responsables dos medios a normalizar o diálogo interno nas redaccións
A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas de Galicia vese na obriga de expresar, unha vez máis, a súa preocupación polo visible deterioro das relacións laborais nos medios de comunicación. A Liberdade Editorial -que permite que cada medio decida os feitos que visibiliza, os enfoques, o seguimento ou a relevancia que lles outorga na distribución do espazo e do tempo- é un piar básico da liberdade de prensa, pero xamais debe ser escusa para a imposición vertical dunha liña ideolóxica que furte o necesario debate das redaccións.
No caso dos medios públicos, e segundo determinan as súas propias leis de creación, a súa función primordial é favorecer o pluralismo político e a liberdade de expresión, a través do reflexo constante, ponderado e responsable da diversidade política e social do seu propio ámbito. Non hai lugar neles para a dirección ideolóxica, e si para o constante compromiso cunha sociedade plural e democrática.
Os #VenresNegros promovidos polas mulleres de RTVE, e apoiados tamén o venres pasado por unha parte significativa da redacción da CRTVG, chaman de novo a atención sobre a necesidade de que nas corporacións públicas, con urxencia, se tomen as medidas requiridas pola lexislación para garantir o servizo público e a independencia do poder político -entre outras, os Estatutos de Redacción e os Consellos de Informativos-.
Por último, o Colexio de Xornalistas insta a tódolos membros das redaccións -independentemente do seu cargo- a resolver as discrepancias sobre informacións ou enfoques nun clima de diálogo aberto, profesional e libre de presións que, de seguro, servirá para enriquecer a información que, como xornalistas, temos obriga de achegarlles aos cidadáns.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia