O Colexio de Xornalistas expresa a súa preocupación polo tratamento informativo do accidente de Barajas

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere expresar a súa preocupación polo tratamento informativo que algúns medios lle están a dar ó accidente aéreo do aeroporto de Barajas, no que faleceron 154 persoas.
Esta Xunta de Goberno entende que medios e xornalistas non deben contribuír á especulación sobre as causas que motivaron o accidente, cando a investigación aínda acaba de comezar e cando, como é obvio, os seus responsables non dispoñen nin tan sequera de tódolos datos para tirar unhas primeiras conclusións.

O CPXG prega ademais a medios e xornalistas que sexan especialmente escrupulosos no respecto pola dor de familiares e amigos das vítimas, nomeadamente cando expresan o seu desexo de non facer declaracións. Ese respecto debe facerse extensivo á recollida de testemuños dos supervivintes da traxedia.

A Xunta de Goberno ven de encargarlle ao Observatorio Galego dos Medios do CPXG un informe da cobertura realizada polos medios de comunicación do accidente aereo. Con este estudo, o CPXG busca aportar datos precisos sobre o tipo de tratamento que realizou cada medio e sobre o grao de responsabilidade de cada un na espectacularización e inaceptable da información. Ademais, van realizarse unha serie de recomendacións sobre o tratamento de traxedias nos medios.

Por último, a Xunta de Goberno do CPXG quere expresarlles as súas condolencias ós familiares e amigos das vítimas.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2008

XUNTA DE GOBERNO DO COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA (CPXG)