O Colexio de Xornalistas expresa a súa preocupación polas implicacións da detención de Julian Assange

A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas súmase ás entidades que, a raíz da detención de Julian Assange, fundador de Wikileaks (Premio Couso á Liberdade de Prensa en 2011), expresan a súa preocupación polo trasfondo desta medida.
 
O CPXG lembra que tanto a Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP) de España como a Federazione Nazionale de la Stampa Italiana instaron á Federación Internacional de Periodistas a que faga unha investigación independente sobre a revocación do asilo político a Assange. O Relator Especial para a Liberdade de Expresión da Comisión Interamericana de Derechos Humanos (CIDH), Edison Lanza, considerou que "o fin do asilo a e posible extradición a USA é un desafío para a liberdade de prensa. Máis alá de toda controversia, no tema de fondo o principio é que os periodistas non deberían ser penalizados por publicar información de interese público, aínda que sexa reservada”. Tamén o líder laborista británico, Jeremy Corbyn sinalou que "a extradición de Julian Assange aos Estados Unidos por expoñer a evidencia de atrocidades en Irak e Afganistán debería ser rexeitada polo goberno británico". "A interpretación que fixo o Goberno ecuatoriano é arbitraria e non ten consistencia. Non é certo o incumprimento por parte de Julian Assange das medidas do protocolo de convivencia", declarou Baltasar Garzón, coordinador da defensa de Assange. 
 
Independentemente da legalidade da medida de retirar o asilo ao fundador de Wilkileaks, o CPXG coincide coas críticas que ven unha fonda contradicción en xulgar a Assange por destapar informacións, mentres os que mentiron desde todo tipo de instancias públicas, falsificaron documentación e manipularon a verdade todo canto puideron non vaian sentarse nunca perante un tribunal.  
 
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia