O Colexio de Xornalistas e a Obra Social "la Caixa" convocan a cuarta edición de Xornalismo na Escola “la Caixa”
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa' convocan a cuarta edición de Xornalismo na Escola “la Caixa”, o programa de talleres didácticos sobre comunicación para o alumnado galego que xa ten chegado a mais de 7.000 escolares de 3º e 4º da ESO. Seis xornalistas en paro serán seleccionados para impartir os obradoiros en toda Galicia.
As xornadas impartiranse nun total de 90 obradoiros para escolares de 3º e 4º da E.S.O, distribuídos entre I.E.S de toda a comunidade. Para impartir os talleres, convócanse seis prazas ás que poderán concorrer calquera colexiado ou colexiada do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia que acredite atoparse en paro. A comisión terá en conta a condición de parado de longa duración, o coñecemento de galego e a experiencia profesional e en docencia, sen prexuízo de valorar outras cuestións de interese. A facilidade de desprazamento será un requisito imprescindible dadas as características xeográficas do proxecto.
Nos distintos obradoiros, estes profesionais van familiarizar os escolares galegos co funcionamento dos medios de comunicación, para que os alumnos saiban a importancia da información nunha sociedade democrática, coñezan o papel dos profesionais do xornalismo e valoren a importancia de contrastar as informacións. Tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías.
As persoas interesadas en impartir as xornadas deben enviar antes das 19:30 horas do 31 de outubro a documentación que figura no anexo das bases e un breve currículo por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal.
Os IES interesados nos obradoiros poden tamén solicitalos a través do correo xornalistas@xornalistas.gal, indicando un teléfono ou correo electrónico para contactar coa persoa responsable da actividade.
Preto de 250 talleres realizados por toda a xeografía galega
As tres primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola’ “la Caixa” desenvolveronse con grande éxito entre o 2016 e o 2018 con case 250 talleres de comunicación en puntos de toda a xeografía galega, levando estes obradoiros a máis de 7.000 alumnos e alumnas da comunidade galega. Coa nova edición, profúndase aínda máis en dar a coñecer os medios de comunicación ao conxunto de mozas e mozos galegos.
Este proxecto é posible grazas á colaboración da Obra Social 'la Caixa', quen hai tres anos impulsou xunto co Colexio de Xornalismo esta iniciativa de sensibilización sobre a importancia da comunicación na sociedade entre os máis novos.
Consulta as bases no documento anexo
CPXG