O Colexio de Xornalistas defende a información de proximidade como un piar básico dos medios públicos

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresa a súa fonda preocupación pola anunciada desaparición das desconexións locais dos servizos informativos na nova grella da Radio Galega que vén de presentarse e entrará en vigor o vindeiro setembro.

A Corporación Radio e Televisión de Galicia anunciaba este martes aos traballadores os cambios na grella de cara á nova tempada 2018-2019. Entre as novidades da programación está a supresión das desconexións locais dos servizos informativos, unha decisión que se une ao peche, en 2010, das delegacións de Ferrol, Burela e Pontevedra.

A información de proximidade ten que ser un dos piares básicos da función dos medios públicos, máis aínda, se cabe, nun contexto poboacional como o galego e nun medio, o radiofónico, que non por acaso é un dos preferidos polo público para achegarse ás noticias locais. Se ben desde a dirección se asegura que se continuará a ofrecer información local dentro doutros espazos, isto implica a perda dunha referencia horaria para a cidadanía dentro da programación, ademais dunha centralización da información que resta independencia ás delegacións.

Por outra banda, o Colexio de Xornalistas lamenta tamén outra das novidades que trae a nova programación da emisora pública: a desaparición do Diario Cultural como espazo independente. A corporación asegura que o cambio de formato obedece a unha aposta pola cultura, que busca convertela nun elemento estrutural da nova grella, mais, con independencia de que a dirección sexa libre de mudar a programación, esta aposta semella contradictoria coa atomización da programación cultural e a desaparición do formato referencial da cultura nos medios públicos, que contaba con 28 anos de historia.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia