O Colexio de Xornalistas de Galicia reclama a revisión da Lei de enxuizamento civil e pide o aplazamento da sentencia condenatoria contra Telemadrid e Micanoa.com

A Xunta de Goberno do CPXG difundiu o día 10 de febreiro de 2003, a nota que reproducimos deseguido
"A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) chama a atención sobre a necesidade de revisar a "Lei de Enxuizamento Civil" polas consecuencias negativas que o texto actual pode ter para o exercicio da libertade de expresión, sen perxuizo de que, no novo texto, resulten debidamente protexidos o honor e a intimidade das persoas. O texto actual determina que os medios acusados en primeira instancia e condenados ó pago de indemnizacións económicas, deberán satisfacelas antes de poder recurrir a instancias xudiciais superiores. Hoxe mesmo coñeceuse a sentencia dun xulgado barcelonés condenando a Telemadrid e ó portal de Internet "Micanoa.com" (actualmente "Diariodirecto.com") a indemnizar con 600.000 euros (uns 100 millóns de pesetas), a cinco xogadores do F.C. Barcelona por un delito de "intromisión no honor e na intimidade".

A Xunta de Goberno do CPXG solicita o aplazamento da sentencia ata que non se resolvan os recursos xudiciais que os condenados poidan interpoñer.

O ocurrido agora ven sumarse ó cerre do semanario "La realidad de Cantabria", obrigado a desaparecer ó non poder afrontar o pago dos 162.000 euros a que foi condenado en primeira instancia, logo da denuncia interposta por un diputado autonómico do Partido Popular (PP).

Igualmente o semanario "El Siglo" está pendente de abonar 120.000 euros en concepto de indemnización ó Director General de Comunicación da Región de Murcia, logo dunha condena en primeira instancia e á marxe da resolución dos recursos correspondentes.

En tódolos casos os procedementos xudiciais iniciáronse por demandas de protección do honor e a intimidade.

A Xunta de Goberno do CPXG insiste na necesidade de revisar o texto da Lei de Enxuizamento Civil para salvagardar e defender ós medios e ós xornalistas da indefensión de sentencias dictadas en primeira instancia e de inmediata execución, que poden causar graves transtornos ás empresas de comunicación e ó exercicio da libertade de expresión".