O Colexio de Xornalistas de Galicia esixe ó Goberno unha explicación sobre a morte de José Couso

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) considera imprescindible que o Goberno español insista en reclamar das autoridades estadounidenses unha investigación sobre as circunstancias da morte do compañeiro galego José Couso Permuy, operador de cámara de Tele 5, tiroteado por un tanque do Exército de EE UU cando tomaba imaxes desde unha habitación do hotel Palestina de Bagdad. Este Colexio entende que o Executivo de José María Aznar ten a obriga política e moral de facer todo o posible para que se clarexe a morte dun cidadán español, desarmado e indefenso, en circunstancias o suficientemente confusas como para requerir unha explicación a fondo. Por iso facemos tamén un chamamento ás institucións galegas para que se pronuncien neste sentido e utilicen a súa influencia ante o Goberno Español a fin de impedir que a verdade do ocorrido se agoche baixo o manto dos segredos de guerra.
Como xornalistas debemos analizar os feitos con rigor e, polo tanto, non podemos facer un xuizo de intencións sobre os motivos do Exército de EE UU para disparar contra un edificio onde era notoriamente coñecido que se aloxaba a meirande parte da prensa internacional acreditada en Bagdad. Pero ó mesmo tempo tampouco podemos pasar por alto as contradiccións da versión oficial, desde a suposta orde para declarar o hotel "obxectivo militar" ata a excusa pouco fundada de que os tanques estadounidenses se limitaron a repeler uns pretendidos disparos desde o edificio, que ningunha das deceas de testumuñas puido ver ou oír. A inquedanza que producen estas confusas explicacións oficiais aumenta ó saber que o mesmo día que se abatíu a Couso morría outro compañeiro e varios máis resultaban feridos tralo bombardeo das sedes das cadeas árabes Al Yazira e Abu Dhabi TV, tamén perfectamente coñecidas polo exército de ocupación. A conversión dos xornalistas en obxectivo militar é, sen o menor asomo de dúbida, un crime de guerra, perseguible nos tribunais nacionais e internacionais. Por iso mesmo os Gobernos español e estadounidense deberían ser os primeiros interesados en clarexar os feitos en troques de correr canto antes un velo de impunidade. Quen dispara a un xornalista está disparando contra toda a sociedade que se informa polo seu traballo.

A Xunta de Goberno do CPXG expresa, polo demais, o seu apoio e solidariedade a tódolos compañeiros e compañeiras que se movilizaron espontáneamente -hoxe mesmo na Coruña e en Vigo e onte en Ourense- en manifestacións de carraxe e dor pola morte inexplicada dunha testemuña da guerra.