O Colexio de Xornalistas concede amparo ao colexiado Luís Cid Congil fronte ao sinalamento social que sufriu
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) decidiu outorgar o seu amparo ao colexiado Luís Cid Congil fronte a Juan Manuel Jiménez, portavoz do Partido Popular no Concello de Verín.
Tras investigar os feitos, ocorridos entre febreiro de 2016 e outubro de 2017, e consultar coas partes interesadas, a Xunta de Goberno entende que existen razóns para pensar que o colexiado sufriu sinalamento social, que podería constituír unha traba no exercicio da súa profesión.
Podemos entender que o señor Jiménez exerce o lexítimo dereito de crítica política, pero a súa reiterada insistencia en citar ao colexiado con nome e apelido, cando no resto dos casos non se realiza esta persoalización, propiciou continuos ataques ao xornalista nas redes sociais que cuestionan o seu traballo e menoscaban o seu prestixio profesional.
Por iso, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia concedeulle amparo ao colexiado Luís Cid Congil fronte ao sinalamento social que afecta ao seu traballo, dignidade e liberdade profesional.
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2018
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia