O Colexio de Xornalistas comparte recomendacións para o tratamento da violencia machista de cara ao 25N

Con ocasión do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se conmemora o vindeiro domingo 25 de novembro, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia compartirá esta semana en Twitter unha serie de recomendacións e ferramentas para o tratamento da violencia machista nos medios, que reunirá co hashtag #NonDifundasMachismo.

Os chíos incluirán as recomendacións da Guía práctica para o tratamento informativo da violencia contra a muller incluída no documento Informa_Dor, realizado en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de GaliciaTamén haberá tempo para lembrar a Declaración de Compostela, o primeiro documento do Colexio de Xornalistas contra a violencia de xénero, de cuxa signatura se cumprirán 15 anos o vindeiro 2019..

Así, este ano o cancelo #NonDifundasMachismo, que noutras ocasións foi usado polo Colexio para denunciar malas prácticas no xornalismo, servirá para que as e os xornalistas teñan á súa disposición instrumentos para combater mellor desde os medios a violencia machista. 

O Colexio de Xornalistas quere lembrar así, un ano máis, que a implicación dos medios de comunicación é esencial para erradicar a violencia de xénero. Nas mans das e dos xornalistas está evitar tratamentos que reduzan a gravidade, banalicen, ou de calquera outro xeito xeren tolerancia cara esta violación dos dereitos humanos. 

CPXG