O Colexio de Xornalistas chama a extremar o coidado á hora de cubrir os lumes que arrasan Galicia

Situación dos lumes en Galicia nas últimas horas, segundo datos do Copernicus Emergency Management Service

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta todas as perdas producidas polos incendios e fai un chamamento a cubrir as informacións sobre os lumes seguindo as recomendacións para o tratamento de emerxencias e sucesos de catástrofe. 

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar as súas condolencias a todas as persoas afectadas pola vaga de incendios que está a devastar Galicia, e moi especialmente ás familiares e achegadas das vítimas mortais.

Así mesmo, nunha situación de emerxencias delicada e complexa como a actual, cómpre lembrar unha vez máis a necesidade de exercer un xornalismo responsábel que transmita á cidadanía con rapidez mais tamén con rigor. Para isto, o Colexio de Xornalistas ten a disposición dos e das profesionais a Guía práctica para o tratamento informativo de emerxencias, catástrofes e persoas desaparecidas e o Decálogo de recomendacións para medios e xornalistas de sucesos de catástrofe

Parece especialmente necesario salientar dúas das recomendacións para cubrir sucesos de emerxencias, á vista dalgunhas informacións publicadas nas últimas horas. A primeira é a necesidade de usar con especial coidado o material gravado por terceiros, aínda máis no caso daquel procedente das redes sociais. Este tipo de gravacións non poden ser emitidas en bruto, senón que deben ser sempre contrastadas e editadas, para evitar a emisión de imaxes innecesarias ou qeu só transmitan espectacularización.

Por outro lado, cómpre insistir en que os medios deben evitar a precipitación á hora de atribuír responsabilidades. No caso dos lumes, como na meirande parte dos sucesos de catástrofe, a investigación para coñecer con exactitude as causas pode levar un tempo, polo que transmitir explicacións apresuradas resulta especialmente irresponsábel. O feito de que algunhas fontes insistan en apuntar a unhas ou outras orixes non debe facer esquecer aos e ás xornalistas que estas declaracións deben ser tratadas como hipóteses, e que é necesario recorrer a fontes expertas para evitar interpretacións interesadas.

Nunha situación de desacougo como a que está a arrasar Galicia nestes momentos, é importante que os e as profesionais da comunicación manteñan a calma e o rigor para informar dunha maneira veraz, responsábel e acorde co Código Deontolóxico. Esa é a mellor maneira de contribuír desde o xornalismo á extinción do lume que ataca a nosa terra.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia