O Colexio de Xornalistas apoia a petición de reabrir as delegacións dos medios públicos en Ferrol

Concello de Ferrol (Foto: Basilio (CC BY-SA 3.0))

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia celebra e apoia a iniciativa anunciada onte polo alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, de solicitar de maneira institucional a reapertura das delegacións dos medios públicos na cidade departamental. A Corporación de Radio e Televisión de Galicia pechou a súa delegación en Ferrol no 2010, mentres que Televisión Española leva tamén moitos anos sen unidade informativa na cidade. 

O Colexio de Xornalistas entende que unha zona como Ferrolterra, coa súa gran densidade de poboación (que representa máis do 5% do total de Galicia) e a súa importancia estratéxica, necesita dunha estrutura mediática que garanta a oferta de información de proximidade e a pluralidade de medios. Esta necesaria pluralidade vén sendo desmantelada nos últimos anos con estes e outros peches, como os da canle de televisión Localia ou dos servizos informativos de Cadena Dial, ademais de con recortes de persoal noutros medios presentes en Ferrol.

A obriga de atender as necesidades informativas da zona é aínda maior nos medios públicos, que non están suxeitos aos requisitos de beneficio económico dos privados, senón que deben responder só ao seu mandato de servizo público. Ademais, a reapertura das delegacións en Ferrol significaría unha ampliación do emprego público, sempre positiva e especialmente necesaria nunha zona tan afectada polo desemprego e a crise como Ferrolterra.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia