O Colexio de Xornalistas apoia a 'Declaración pola independencia e democratización de RTVE'

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia adhírese a Declaración pola independencia e democratización de RTVE, impulsada por distintas organizacións e colectivos para reclamar aos grupos parlamentarios que renoven por concurso público a Presidencia e o Consello de Administración da televisión pública, como prevé a lei aprobada por amplo consenso.

A declaración xa recibiu o apoio de numerosas entidades e organizacións relacionadas coa comunicación, así como de catedráticos, profesores de universidade e profesionais do xornalismo. Ademais, manténse aberto un espazo na rede para que calquera persoa ou colectivo poida sumarse á declaración. O Colexio de Xornalistas, como non podería ser doutro xeito, súmase tamén á petición de que a radiotelevisión estatal se afaste de intereses partidas e sexa dirixida por criterios profesionais e plurais.

Texto da Declaración pola independencia e democratización de RTVE

Ante a falta de desenvolvemento normativo da Lei 5/2017, de 29 de setembro, pola que se modifica a Lei 17/2006, de 5 de xuño, da radio e a televisión de titularidade estatal, para recuperar a independencia da Corporación RTVE e o pluralismo na elección parlamentaria dos seus órganos, os colectivos sociais, profesionais e sindicais que asinan esta declaración manifestan:

O servizo público de comunicación é unha necesidade crucial en democracia. Nestes momentos, o deterioro da credibilidade e a capacidade de produción que alcanzou a radiotelevisión pública de ámbito estatal esixe unha rexeneración inmediata.

A lei 5/2017, aprobada por consenso en setembro do ano pasado, obriga á elección aberta e democrática, mediante concurso público, da Presidencia e o Consello de Administración de RTVE. (1)

De aplicarse o que dicta esa lei, nestes momentos a Corporación RTVE disporía de instrumentos legais para procurar un cambio transparente e democrático na súa xestión.

Os grupos políticos das Cortes deben respectar o aprobado na sede parlamentaria (2) e desenvolver inmediatamente a normativa (regulamento) que permita unha elección da cúpula directiva de RTVE por concurso público, mediante un proceso independente do goberno e afastado dos intereses partidistas.

O procedemento aprobado na Lei 5/2017 facilita a participación social e a libre concorrencia das candidaturas máis cualificadas para o goberno de RTVE.

Polo anterior, manifestamos que:

  1. Cumprindo o imperativo legal, debe poñerse inmediatamente en marcha o proceso de elección mediante concurso público da Presidencia e o Consello de Administración de RTVE.
  2. Cremos que non existe impedimento legal algún para o facer coa máxima urxencia e que a dilación da súa posta en marcha non fai máis que adiar un proceso de renovación democrática de RTVE.
  3. Pedimos que se aprobe inmediatamente a normativa necesaria (regulamento) para desenvolver completamente a Lei 5/2017, como primeiro paso do proceso de elección da Presidencia e o Consello de Administración de RTVE.

(1) Lei 5/2017, de 29 de setembro, pola que se modifica a Lei 17/2006, de 5 de xuño, da radio e a televisión de titularidade estatal, para recuperar a independencia da Corporación RTVE e o pluralismo na elección parlamentaria dos seus órganos. "Disposición transitoria segunda. 1. As Cortes Xerais aprobarán, no prazo dos tres meses seguintes á entrada en vigor desta Lei, a normativa que contemple a selección dos membros do Consello de Administración e do Presidente da Corporación RTVE por concurso público coa participación dun comité de expertos designados polos Grupos Parlamentarios. Este Comité fará públicos os seus informes de avaliación e serán remitidos á Comisión competente para a correspondente audiencia dos candidatos".

(2) Informe dos letrados do Congreso: Informe en relación co desenvolvemento normativo da lei 5/2017, de 5 de 29 de setembro, pola que se modifica a lei 17/2006, de 5 de xuño, da Radio e a Televisión de titularidade estatal, para recuperar a independencia da Corporación RTVE e o pluralismo na elección parlamentaria dos seus órganos: [...]"En definitiva, cabería concluír que o incumprimento do prazo de tres meses fixado pola Lei 5/2017, estando previsto, como é o caso, un réxime transitorio, non pode ter outro efecto que o de manter activo tal réxime -en tanto non se aprobe a normativa- correspondente. A devandita normativa, en definitiva, podería ser aprobada nun momento posterior ao prazo estabelecido e, en tanto iso se produza, por razóns de seguridade xurídica, despregará os seus efectos o réxime transitorio".

CPXG