O caso de Carolina Cambrils volve pór o foco na discriminación patriarcal no xornalismo
O caso da xornalista Carolina Cambrils, que denunciou o seu despedimento por solicitar a baixa por embarazo de risco e foi finalmente readmitida por Andalucía Digital Multimedia, reabre o debate sobre a cuestión da maternidade dentro da discriminación de xénero na profesión.
O pasado 19 de outubro a xornalista Carolina Cambrils, reporteira do programa Andalucía Directo de Canal Sur, denunciaba, a través do seu Twitter, que a produtora do programa, Andalucía Digital Multimedia, a despedira logo de solicitar a baixa por embarazo de risco. Fronte á versión da reporteira, Pablo Llorca, director xeral de Andalucía Digital Multimedia, asegurou que Cambrils “mente en todo" e que se lle ofrecera unha nova opción de contrato "máis cómoda para o seu estado" que ela rexeitou "por non estar interesada”.
Varios colectivos profesionais mostraron a súa solidariedade coa xornalista despedida e esixiron a súa readmisión, como o Comité Intercentros da RTVA e CSRTV, CCOO ou o Sindicato de Periodistas de Andalucía (SPA). O Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía, pola súa banda, ofreceuse a mediar entre ambas as dúas partes para atopar unha situación dialogada. Finalmente, e tras a esixencia de Canal Sur á produtora para que cumprira coa legalidade, Andalucía Digital Multimedia readmitiu a Cambrils no seu posto e ofreceulle a renovación do contrato.
Para alén dos detalles, o caso de Carolina Cambrils, como outro semellante acontecido en maio deste ano, revela a cuestión da maternidade como un elemento mais da importante fenda de xénero que se pode observar no xornalismo español, unha fenda aumentada, como destaca o comunicado do SPA, pola precariedade laboral crecente. Cómpre escoitar a voz das organizacións profesionais que reclaman a fin da discriminación patriarcal no xornalismo e no conxunto da sociedade, e que reflexionan sobre as maneiras de conseguir que a maternidade ou a conciliación laboral sexan xestionadas desde a igualdade de xénero e non se convirtan nun elemento máis de discriminación.
Neste sentido, as recomendacións extraídas do Foro Internacional sobre Comunicación e Xénero organizado no 2006 polo Observatorio dos Medios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia xa indicaba que "As empresas mediáticas deberán promover a igualdade nos diferentes chanzos da súa estrutura. Así mesmo, deberán adoptar medidas para solventar a fenda salarial existente entre mulleres e homes xornalistas, incorporar ás mulleres en todas as áreas do medio e favorecer a conciliación entre a vida laboral e familiar".
CPXG