O alumnado de Xornalismo da USC publica, en colaboración co CPXG, 'Proxecto Xermolo', unha guía de xornalismo ambiental

Proxecto Xermolo. Guía para a realización dun mellor xornalismo medioambiental é unha guía multiplataforma para mellorar a información sobre o medio, realizada polo alumnado de primeiro curso do grao de Xornalismo da USC, baixo a coordinación de Xosé López e José Casás e coa colaboración do Colexio de Xornalistas. 

O alumnado da materia de Redacción Informativa, do primeiro curso do grao de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, vén de sacar á luz Proxecto Xermolo. Guía para a realización dun mellor xornalismo medioambiental, unha publicación que quere contribuír a mellorar a información sobre unha cuestión que cada vez ten maior importancia na axenda social. A guía foi realizada coa coordinación dos profesores Xosé López e José Casás e conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Proxecto Xermolo continúa o labor iniciado coa Guía de linguaxe inclusiva redactada polo alumnado de anos anteriores, centrándose neste caso nunha única temática, a do xornalismo ambiental, de especial relevancia na actualidade. 

O documento consta de seis apartados diferenciados, comezando por un panorama da actual situación na nosa comunidade. No primeiro deles, "Problemas medioambientais e desenvolvemento sostible", analízanse as principais cuestións que ameazan o medio galego (sexa á auga, ao aire ou á biodiversidade), así como as alternativas de desenvolvemento sustentábel e a percepción social das problemáticas ambientais. A continuación, "Contexto político e legal" fai un repaso de toda a lexislación ambiental existente na actualidade (a nivel local, autonómico, estatal, europeo e internacional).

Os dous seguintes capítulos centranse en ofrecer ferramentas para os xornalistas que se dediquen a cubrir a información sobre o medio ambiente. Así, en "Xornalismo medioambiental" podemos atopar unha historia do tratamento desta temática nos medios de comunicación e unha serie de boas prácticas para exercer o xornalismo ambiental, así como temáticas, preguntas habituais ou cuestións a evitar. No cuarto apartado, "Referencias", ofrécese unha listaxe de fontes expertas, entidades e organismos institucionais aos que recorrer á hora de facer coberturas sobre cuestións medioambientais. 

A guía complétase con entrevistas en profundidade a xornalistas que realizaron información ambiental (Alberto Quian, Arturo Larena, Marcos Pérez Pena e Sully Fuentes) e un glosario no que se recollen conceptos, siglas, organismos e acordos multilaterais.

Tanto o Proxecto Xermolo como a Guía de linguaxe inclusiva toman como referencia o traballo e o blog de Nacho Mirás, xornalista e profesor da facultade de Ciencias da Comunicación prematuramente falecido. Estas iniciativas forman parte dun conxunto de proxectos en homenaxe ao xornalista, que inclúen tamén a Bolsa Nacho Mirás para novas tituladas e titulados organizada polo CPXG ou a denominación da aula que leva o seu nome na Faculdade de Ciencias da Comunicación. 

Proxecto Xermolo é unha iniciativa multiplataforma que se pode consultar en diversos formatos. Ademais da publicación da guía en pdf (anexa nesta información), poden consultarse os seus contidos na web proxectoxermolo.wordpress.com, así como seguir as novidades do proxecto en distintas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram).

CPXG