Non ao silencio

Chío de Javier Valdez tras o asasinato de Miroslava Breach

Este pasado 15 de maio, asasinaron o xornalista mexicano Javier Valdez Cárdenas, fundador e reporteiro do semanario RíoDoce. Tiroteárono en Culiacán (Sinaloa) a plena luz do día. Valdez era un dos veteranos na cobertura de temas de violencia e narcotráfico. O seu libro Narcoperiodismo é xa unha obra de referencia sobre o tema.

Valdez foi o sexto no que vai de ano.

En marzo asasinaron outros tres xornalistas a balazos en México: Cecilio Pineda, en Guerrero, Ricardo Monlui, en Veracruz, e Miroslava Breach, en Chihuahua. O 14 de abril axusticiaron a Maximino Rodríguez, na cidade de La Paz, e o 2 de maio, a Filiberto Álvarez, cronista de Morelos.

O mesmo día 15 deste mes, só horas despois do asasinato de Valdez, tirotearon en Jalisco á subdirectora comercial do semanario El Costeño e esposa do propietario, Sonia Córdova, e ao seu fillo, Jonathan Rodríguez Córdova, que morreu no acto. A finais de marzo, deixaron malferido a balazos a Julio Omar Gómez e mataron o seu escolta no Distrito Federal, e, o mesmo mes, o xornalista Armando Arrieta recibiu un tiro en Veracruz.

En 2016, México convertiuse no terceiro país do mundo con máis comunicadores asasinados, 11, só superado por Irak (15) e Afganistán (13), segundo datos da Federación Internacional de Periodistas. 

A violencia contra os informadores en México é un crime que nos afecta a todos. Denunciar a impunidade que a ampara é unha responsabilidade ineludíbel.

Os Colexios Profesionais de Xornalistas, como representantes legais da profesión, condenamos rotundamente esta situación e esiximos ás autoridades mexicanas que actúen para porlle freo. Asasinar o xornalista non mata a verdade.

O pasado 25 de marzo, tras o asasinato da súa colega Miroslava Breach, Javier Valdez escribía en Twitter: “A Miroslava la mataron por lengua larga. Que nos maten a todos si esa es la condena de muerte por reportear este infierno. No al silencio.”

Junto a Valdez, nós tamén queremos gritar: NON AO SILENCIO. 

Colexios Profesionais de Xornalistas de Cataluña, Galicia, Murcia, Andalucía, País Vasco, A Rioxa, Castela e León, Navarra e Asturias.